InicioCulturaAdeus ao chairego Xabier P. Docampo, figura esencial da literatura xove

Adeus ao chairego Xabier P. Docampo, figura esencial da literatura xove

Nado en Rábade e fillo de chairegos, este mestre, actor e crucial renovador da literatura infantil e xuvenil finou esta madrugada na Coruña

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Chega o Día das Letras Galegas e montaranse, coma sempre, as correspondentes aparencias de celebración. Prebostes de todo pelo asistirán (pola mañá) a un acto conmemorativo dun escritor que, o máis deles, non leron nin lerán. E acabouse, que é día festivo e os festivos, xa se sabe, son para a familia, o descanso e a praia, se está día. Ah, esquecíame, algúns xornais traerán a primeira plana en galego, non se vaia dicir…”. É o último texto que un dos grandes narradores de literatura infantil en galego deixaba escrito no seu blogue.

O escritor Xabier P. Docampo morreu este madrugada logo dunha loita titánica cun tumor cerebral que padecía desde hai dous anos. Morreu na súa casa da Coruña logo de que o seu estado de saúde empeorara, o que obrigou a súa hospitalización o día de San Xoán. Os seus restos foron trasladados ao tanatorio das Xubias, fronte ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Nado en Rábade o 5 de abril de 1946, Docampo foi mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares. Considerábase chairego, pois chairegos eran seus pais: a nai de Castro de Ribeiras de Lea, onde medrou o xove Xabier, e o pai de Xermar, en Cospeito.

Traballou como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica, pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación e formou ao profesorado durante a introducción da lingua no ensino. Foi tamén actor e director de teatro, e colaborou durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia coma guionista e director de programas de diverso tipo e formato.

Docampo foi un dos grandes renovadores da literatura infantil e xuvenil galega, compartindo viaxe co lucense Paco Martín, Agustín Fernández Paz ou María Victoria Moreno. En 1995 obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pola noite, seleccionada así mesmo como unha das cen mellores obras do século XX español, segundo a Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Ademais, participou na creación e posteriormente na dirección da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, e mereceu a Letra E na Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) en 2014.

Este prolífico autor tivo unha intensa actividade editorial dende a década dos oitenta, que rematou o pasado 2017 coa publicación de A nena do abrigo de astracán.

ÚLTIMAS

Os senadores do PP por Lugo reclaman explicacións ao Goberno central polo rexeitamento de axudas ao proxecto de Altri

Os senadores do PP por Lugo piden explicacións ao Goberno central sobre "o trato...

Tomé dá por resolta a crise no PSOE de Lugo: “Foi unha situación insólita”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia xa é Ben de Interese Cultural

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebra en Lugo este domingo,...

O alcalde de Lugo Miguel Fernández toma as rendas do PSOE local

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, foi elixido secretario xeral do PSOE local, en substitución da edil...