InicioLugo e contornaPortomarínO alcalde de Portomarín denuncia que o baleirado do encoro "afea" o...

O alcalde de Portomarín denuncia que o baleirado do encoro “afea” o concello

Juan Serrano sinalou que "a lámina de auga permite facer vida ao redor do encoro", pero a súa situación actual levou que "case non se puidese celebrar" o campionato nacional de piragüismo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, pediu un “marco” que “compatibilice” o aproveitamento hidroeléctrico do encoro de Belesar con outras actividades e lamentou o baleirado por parte das empresas eléctricas, xa que “afea a imaxe” da localidade.

Serrano apuntou este luns que, polo xeral, na produción eléctrica o “concepto” que se ten dos encoros é o de “pilas de enerxía” dado que representan “a única forma de que a produción se poida almacenar para a xestión da demanda”.

Con todo, considerou que o baleirado do encoro “afea a imaxe” de Portomarín. Así, sinalou que “a lámina de auga permite facer vida ao redor do encoro”, pero a súa situación actual levou que “case non se puidese celebrar” o campionato nacional de piragüismo debido a que se programou “en base á media do encoro do últimos dez anos”, cunha capacidade en xuño do 80%.

Serrano admitiu que a presa rexistrou niveis de auga similares ao actual, “pero non tanto tempo”, e achacou esta situación a “unha decisión que tomaron as eléctricas coincidindo cos prezos altos a finais de marzo”. “Hai unha curva descontinua dos últimos 10 anos e aí apréciase como a finais de marzo a curva deste ano, aínda sendo un ano de moita auga, pegou un baixón importante, coma se fose un ‘crac’ da bolsa”, apuntou.

Precisamente, o rexedor puntualizou que el mesmo realizou unha comparativa cos encoros cataláns, que mostra “un 20% menos de auga embalsada” nesa comunidade. En función diso, deduciu que “moitas eléctricas teñen a dirección en Cataluña” e desenvolven “unha política ambiental diferente” segundo “sexa territorio catalán ou galego”, o que, na súa opinión, “non se pode consentir”.

Así mesmo, Serrano indicou que o seu “obxectivo” é “recuperar algún día o Miño e o asentamento antigo de Portomarín”, que agora queda á vista tras o baleirado. “En tanto non sexa posible, ten que haber un marco que compatibilice a lámina de auga, para que podamos desenvolver actividades, e que eles (as eléctricas) poidan ter aproveitamento hidroeléctrico“, defendeu. Así, insistiu en que esta formulación é “xusto” porque “a concesión é de hai 60 anos, da época de Franco”, e, desde entón, “calquera tivo que cambiar moitas cousas”.

ÚLTIMAS

Incendio en Barreiros estabilizado tras arrasar 80 hectáreas

A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia deu por estabilizado esta mañá...

Cinco brigadistas ingresados con queimaduras graves tras o lume de Barreiros

Os cinco brigadistas feridos nun incendio rexistrado no municipio lucense de Barreiros foron trasladados...

Coñece a programación da Semana de Cinema de Autor de Lugo: 148 filmes e homenaxe a María Vázquez

Máis de 148 películas formarán parte este mes de setembro da Semana de Cinema de...

Outro incendio rexistrado nunha nave do Ceao provoca cuantiosos danos materiais, aínda que non se rexistran vítimas

Un incendio declarado na noite deste mércores nunha nave do polígono industrial de O...