InicioEconomíaFeijóo presume de apoiar o sector lácteo nunha visita á fábrica de...

Feijóo presume de apoiar o sector lácteo nunha visita á fábrica de Larsa en Outeiro

O presidente da Xunta inaugurou unha nova liña de envasado de leite en botella. Esta remodelación supuxo un investimento de 17 millóns de euros.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE.-  O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitou este martes a fábrica que Larsa ten na localidade de Robra, en Outeiro de Rei, onde inaugurou a nova liña de envasado de leite en botella. O presidente aproveitou para gabar as medidas da Xunta en materia de medio rural e, en concreto, do sector lácteo. Resaltou, por exemplo, a creación da ‘marca galega 100%’.

Feijóo estivo acompañado polo director xeral de Capsa Foods, José Armando Tellado; o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao; e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

“VOLVER SER UNHA MARCA RELEVANTE”

Segundo informou o responsable de Larsa, nos últimos tres anos a compañía láctea investiu 25 millóns de euros para mellorar as súas fábricas de Lugo e Vilagarcía de Arousa. Dese total, 17 millóns correspóndense co diñeiro gastado na remodelación da planta de Robra que esta mañá inaugurou Núñez Feijóo. Grazas a este cambio, tería capacidade para máis de 100.000 millóns de litros ao ano. A maiores, tamén lembrou que, entre ambas factorías, Larsa suma 250 empregados directos en Galicia.

En canto ás perspectivas de futuro da marca, a empresa precisa que outro dos seus retos “é volver ser unha marca relevante, como xa o foi nos anos 70 e 80, no mercado de Madrid”. Neste caso propóñense conseguilo  “a través dos seus queixos, con orixe en Galicia e o leite de pastoreo por bandeira”.

A XUNTA ATRIBÚESE LOGROS NO DESENVOLVEMENTO RURAL

Pola súa banda, Núñez Feijóo destacou hoxe a confianza das industrias lácteas en Galicia como proba da “aposta do rural pola calidade, a innovación e o valor engadido”. Nesa liña, referiuse a proxectos como o de CLUN, unha cooperativa da que hoxe forman parte 3.500 gandeiros que producen trescentos millóns de litros de leite; ao proxecto de Entrepinares, que optou pola fabricación de queixo na súa fábrica de Vilalba; ou a Inleit, en Curtis, como exemplo da aposta por “os produtos con valor engadido”.

Feijóo tamén aproveitou a súa intervención para expresar “o compromiso da Xunta a seguir traballando para avanzar nos retos de futuro”. Un dos máis importantes sería o do relevo xeracional e, a fío disto, sacou peito de que hoxe en día unha de cada dez granxas están dirixidas por mozos menores de 30 anos, “cada vez mellor formados”.

Con respecto ao tamaño das explotacións agrarias, destacou que, desde 2012, unhas 800 explotacións individuais pasaron a integrarse en sociedades. Ademais, o presidente do goberno galego lembrou que, para apoiar que o leite producido nas granxas desta comunidade autónoma siga sendo sinónimo de calidade acreditada, a Xunta impulsou a creación da marca Galega 100%, unha identificación que avala á produción de calidade diferenciada.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que o “sector lácteo é estratéxico para Galicia”, que é a oitava rexión produtora da Unión Europea e onde se produce o “40% do leite de España”. Na actualidade, máis de 7.000 gandeiros facturan anualmente uns 800 millóns de euros en Galicia. EFE

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...