Home Lugo e contorna Lugo A alcaldía de Lugo traballa nunha estratexia para consolidar a cidade como referente de calidade de vida

A alcaldía de Lugo traballa nunha estratexia para consolidar a cidade como referente de calidade de vida

0
A alcaldía de Lugo traballa nunha estratexia para consolidar a cidade como referente de calidade de vida

O Concello de Lugo traballa nunha liña estratéxica para consolidar a cidade como un referente en calidade de vida e lonxevidade saudable, incorporando o benestar das persoas maiores e as oportunidades vinculadas ao envellecemento ao seu desenvolvemento futuro. Neste marco, a alcaldesa, Elena Candia, está a manter contactos con entidades, profesionais e colectivos de distintos ámbitos para identificar iniciativas que permitan aproveitar o coñecemento, o talento e as capacidades das persoas maiores, así como explorar novas oportunidades vinculadas á denominada silver economy, que engloba produtos, servizos e solucións dirixidos principalmente á poboación maior de 50 anos.

O obxectivo é abordar a lonxevidade desde unha perspectiva ampla, que vaia máis alá da atención ás necesidades derivadas do envellecemento e recoñeza tamén o papel activo das persoas maiores na sociedade, a súa experiencia e a súa contribución á vida da cidade. Esta visión permite, ademais, explorar vías de innovación e desenvolvemento económico vinculadas ás necesidades e oportunidades dunha poboación cada vez máis lonxeva.

Coñecemento e innovación

A alcaldesa mantivo unha reunión con José María López Bourio, presidente de ProRural, un colectivo que reúne experiencias e iniciativas de responsabilidade social e que avoga pola elaboración dunha estratexia de lonxevidade, así como pola creación dun laboratorio neste ámbito e pola colaboración co Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O encontro permitiu abordar posibles vías de colaboración para aproveitar o coñecemento e as experiencias existentes, impulsar novas iniciativas e avanzar nunha visión da lonxevidade que combine benestar, participación social e oportunidades para a cidade.

Nesta mesma liña, Elena Candia reuniuse tamén con Pilar Rodríguez Ledo, presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) e médica de familia vinculada ao HULA, para coñecer posibles vías de colaboración e explorar propostas relacionadas coa investigación, a innovación e a participación cidadá. Durante este encontro abordáronse diferentes iniciativas, entre elas o aproveitamento do coñecemento xerado a través dos proxectos de investigación RENACE e REGACE, a posible creación dunha cátedra vinculada ao Campus Terra da USC e o desenvolvemento dun Living Lab que permita incorporar a participación cidadá ao deseño e á avaliación de solucións relacionadas coa lonxevidade.

Tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de organizar un hackathon centrado no envellecemento, así como explorar fórmulas de colaboración mediante iniciativas de mecenado ou patrocinio. Estes encontros forman parte dunha liña de diálogo máis ampla con entidades e profesionais de diferentes sectores, coa que o Concello busca identificar propostas concretas, sumar coñecementos e explorar colaboracións que permitan avanzar cara a un modelo de cidade que responda aos retos do envellecemento e recoñeza, ao mesmo tempo, as oportunidades que ofrece unha poboación cada vez máis lonxeva.

As persoas maiores, protagonistas do futuro de Lugo

A participación das persoas maiores será unha parte fundamental desta estratexia. Neste sentido, o Concello prevé activar en novembro o Consello do Maior, un espazo destinado a incorporar a súa voz, experiencia e opinión á reflexión sobre a cidade e ás decisións que afectan á súa vida cotiá. «Non se trata só de pensar en como coidalas, senón tamén de escoitalas, valorar todo o que poden achegar e contar con elas para construír solucións que melloren a vida de todos», sinalou Elena Candia.

A alcaldesa defende así unha visión na que as persoas maiores non sexan unicamente destinatarias de servizos, senón tamén protagonistas activos da vida social e da construción do futuro da cidade, aproveitando a súa experiencia e contando coa súa participación á hora de deseñar novas respostas. Esta perspectiva conecta tamén con proxectos que se están a desenvolver en Lugo, como a futura residencia de Ballesol en Recatelo, e coa vontade de seguir explorando iniciativas que contribúan a mellorar os servizos, o benestar e as oportunidades vinculadas ao envellecemento.

ASOCIACIÓN PROVINCIAL DE TAXISTAS E RADIO TAXI

O Concello de Lugo e a Asociación Provincial de Taxistas e Radio Taxi avanzaron en novas medidas para mellorar a mobilidade no municipio nun encontro presidido pola alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide.
O principal acordo da reunión foi a creación de catro novas licenzas permanentes de taxi adaptado, co obxectivo de ampliar a oferta deste servizo e mellorar as alternativas de transporte para as persoas que precisan vehículos adaptados.

Outro dos asuntos abordados foi a extensión do servizo de taxi a demanda ás parroquias rurais. O Concello avanza para que esta prestación chegue a Orbazai, Adai e Meilán, como parte dunha implantación progresiva que ten como reto final cubrir todas as parroquias do municipio.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here