A xunta de goberno de Lugo aprobará o vindeiro luns o proxecto para a construción da nova residencia para persoas maiores que Ballesol promoverá no barrio de Recatelo.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presentou en Recatelo as características da futura residencia, nun encontro no que explicou os detalles dunha actuación que permitirá incorporar á cidade 115 novas prazas residenciais para persoas maiores. O proxecto contempla un investimento de 10,9 millóns de euros.
Ballesol é unha empresa especializada na atención ás persoas maiores, fundada en 1976 por Lola Soler Brul.
A alcaldesa reivindicou que o impulso desta residencia é “froito tamén da implicación directa do goberno municipal e do traballo desenvolvido nos últimos meses para facilitar e impulsar a súa tramitación, en coordinación coa empresa promotora e coas diferentes administracións implicadas”.
“Lugo necesita máis prazas residenciais para os nosos maiores e este proxecto é unha boa noticia para a cidade”, sinalou Elena Candia, quen puxo en valor “a importancia da colaboración entre a iniciativa privada e as administracións”.
A futura residencia situarase na contorna das rúas Cidade de Viveiro e Isaac Díaz Pardo, nunha localización próxima ao Parque Rosalía de Castro. O proxecto incorpora tamén 77 prazas de aparcadoiro distribuídas en dous sotos.
CRÍTICAS DO PSOE
Pola súa banda, o PSOE emitiu un comunicado no que acusa a Candia de “converter unha licenza urbanística en propaganda” mentres “abandona aos maiores das Gándaras”.
A portavoz adxunta do grupo municipal, Ana González Abelleira, celebrou a chegada dun novo investimento privado a Lugo, pero lembrou que a concesión dunha licenza con todos os informes favorables “non é unha decisión política nin un logro do goberno, senón unha obrigación administrativa” do Concello.
O PSOE ACUSA A CANDIA DE APROPIARSE DUNHA CONCESIÓN DO ANTERIOR GOBERNO
O Grupo Municipal Socialista acusou hoxe a Elena Candia de intentar presentar como un logro político do seu Goberno a concesión da licenza para a construción dunha residencia privada en Recatelo, promovida polo Grupo Vallesol cun investimento próximo aos 10 millóns de euros e arredor de 120 prazas.
A voceira adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, valorou positivamente a chegada dun novo investimento á cidade e a recuperación dun espazo que precisa unha actuación, pero advertiu de que “unha cousa é celebrar que unha empresa aposte por Lugo e outra moi distinta intentar apropiarse dese investimento e vender como acción de goberno a concesión dunha licenza urbanística”.
