O programa “Lugo: Rutas para A Desconexión” supón un novo paso na consolidación do proxecto das Rutas Naturais do Concello de Lugo, que naceu inicialmente con 21 itinerarios e que recentemente foi ampliado ata alcanzar un total de 23 rutas. A sinalización das primeiras oito sendas representa, ademais, un fito na oficialización desta rede de percorridos, facilitando que veciños e visitantes poidan desfrutalas de maneira autónoma e con todas as garantías.
O obxectivo da iniciativa é poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio natural, histórico, etnográfico e paisaxístico de Lugo a través de paseos interpretativos. Ao longo dos percorridos, as persoas participantes poderán descubrir a orixe dos camiños, a biodiversidade do territorio e numerosos elementos patrimoniais que habitualmente pasan desapercibidos.
As rutas seleccionadas para este primeiro ciclo percorren algúns dos espazos máis emblemáticos do municipio, combinando natureza, historia, patrimonio e paisaxe, e ofrecen unha oportunidade para coñecer Lugo desde unha perspectiva diferente, gozando do territorio con calma e descubrindo os seus valores naturais e culturais.
A participación é totalmente gratuíta e non é necesaria inscrición previa. As persoas interesadas só terán que acudir directamente ao punto de encontro indicado para cada ruta á hora establecida.
O programa comezará o sábado 8 de agosto coa ruta “O Pequeno Froilán”, con saída ás 11:00 horas desde a Praza do Carme. Ata finais de novembro celebraranse novos paseos guiados por outras seis rutas xa sinalizadas, ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer de primeira man unha parte esencial da riqueza natural e cultural do municipio.
Calendario de sendas guiadas:
· Sábado, 8 de agosto – O Pequeno Froilán. Lugar de saída: Praza do Carme. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2 horas.
· Sábado, 15 de agosto – Afonso O Casto. Lugar de saída: Praza do Camiño Primitivo. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
· Sábado, 22 de agosto – Ruta das Chousas. Lugar de saída: Aula de Natureza do Veral. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2 horas.
· Sábado, 29 de agosto – O Vello Lugo Agrario. Lugar de saída: Santalla de Bóveda. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2 horas.
· Sábado, 5 de setembro – Terras de Canteiras. Lugar de saída: Praza de Santo Domingo. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
· Sábado, 12 de setembro – Ribeiras Altas Miño Arriba. Lugar de saída: Ponte Romana. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
· Sábado, 26 de setembro – Vía Künig. Lugar de saída: Centro de Interpretación Terras do Miño. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
· Sábado, 3 de outubro – O Pequeno Froilán. Lugar de saída: Praza do Carme. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2 horas.
· Sábado, 17 de outubro – Afonso O Casto. Lugar de saída: Praza do Camiño Primitivo. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
· Sábado, 24 de outubro – Ruta das Chousas. Lugar de saída: Aula de Natureza do Veral. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2 horas.
· Sábado, 7 de novembro – O Vello Lugo Agrario. Lugar de saída: Santalla de Bóveda. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2 horas.
· Sábado, 14 de novembro – Terras de Canteiras. Lugar de saída: Praza de Santo Domingo. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
· Sábado, 21 de novembro – Ribeiras Altas Miño Arriba. Lugar de saída: Ponte Romana. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
· Sábado, 28 de novembro – Vía Künig. Lugar de saída: Centro de Interpretación Terras do Miño. Hora: 11:00 h. Duración aproximada: 2-3 horas.
Con esta iniciativa, o Concello de Lugo continúa impulsando a posta en valor do seu patrimonio natural e cultural, ao tempo que consolida a oficialización dunha rede de 23 rutas naturais que permitirá descubrir o municipio desde unha perspectiva sostible, divulgativa e respectuosa coa contorna.
