O Concello de Lugo deu un paso decisivo para culminar a regularización urbanística dos polígonos 1 e 2 da Louzaneta. A alcaldesa comunicou ás Xuntas de Compensación a disposición municipal para proceder á recepción parcial das respectivas obras de urbanización, unha decisión que conta cos informes favorables da Asesoría Xurídica e dos servizos municipais de Enxeñería.
Este avance permitirá iniciar a regularización dunha urbanización que levaba máis de vinte anos pendente dunha solución definitiva, poñendo fin a unha prolongada situación de incerteza xurídica e avanzando cara a un desenvolvemento ordenado deste ámbito residencial. A recepción parcial supón un paso fundamental para incorporar progresivamente a urbanización ao patrimonio municipal e continuar completando todos os requisitos necesarios para a súa recepción definitiva.
Co obxectivo de acelerar este proceso, o Concello asumirá tamén a tramitación e a execución das obras necesarias para o soterramento da liña de media tensión, unha actuación imprescindible para completar a recepción total da urbanización. O custo destes traballos será asumido polas xuntas de compensación, é dicir, polos propietarios, mentres que será o propio Concello o que execute directamente as obras para axilizar os trámites, reducir os prazos e facilitar o remate deste proceso urbanístico.
A alcaldesa, Elena Candia, destacou que esta decisión “demostra a vontade deste Goberno de afrontar con rigor aqueles asuntos que levaban demasiados anos sen resolverse”. Candia subliñou que este avance é froito do traballo técnico realizado polos servizos municipais e dunha forma de gobernar baseada no diálogo e na colaboración.
“Este proxecto tamén demostra que, cando hai vontade de chegar a acordos e de colaborar entre todas as partes implicadas, é posible desbloquear situacións que parecían imposibles. Ese é o modelo de xestión que queremos para Lugo: resolver problemas, ofrecer seguridade xurídica e cumprir os compromisos adquiridos coa cidadanía”, concluíu a alcaldesa.
Escola Municipal de Música
A Escola Municipal de Música de Lugo deu hoxe un novo paso na súa recuperación coa elección, por unanimidade do claustro de profesores, do equipo directivo que estará á fronte do centro durante os cursos 2026-2027 e o 2027-2028. A nova dirección estará integrada por Carlos Méndez Castro, como director; Francisco Manuel Villamor Regueiro, como subdirector; Aquilino Piñeiro Costas, como xefe de estudos; e Julián Villamor Regueiro, como secretario.
A constitución deste equipo directivo permite completar a organización interna da Escola Municipal de Música e avanzar na posta en marcha do novo curso académico. Durante o claustro aprobáronse tamén as bases de matrícula para o próximo curso. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de setembro no Rexistro Auxiliar da Escola Municipal de Música, no Rexistro Xeral do Concello, na sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa vixente.
O 23 de setembro, ás 11.00 horas, celebrarase o sorteo para a adxudicación de prazas. A elección de horarios terá lugar entre os días 6 e 9 de outubro, mentres que as clases comezarán o 13 de outubro. A Escola Municipal de Música terá o seguinte horario. Os luns de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e os martes, mércores e xoves de 16.00 a 19.00 horas.
Este ano como novidade o claustro decidiu que as materias do grupo D que son as agrupacións serán gratuítas para todo o alumnado. (pandereteiras, big band, grupo de metais graves, banda de música da escola …)
Impulsar a banda municipal
Tras a celebración do claustro, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de cultura, Javier Vázquez, mantiveron un encontro co novo equipo directivo para planificar esta nova etapa da Escola Municipal de Música e abordar os próximos retos do centro. Coa Escola Municipal de Música xa organizada, o Goberno municipal centra agora os seus esforzos na recuperación da Banda Municipal, un dos grandes obxectivos desta nova etapa.
Durante a reunión analizáronse diferentes alternativas para avanzar no proceso de designación da dirección da Banda Municipal de Música, un paso imprescindible para recuperar progresivamente a súa actividade artística e consolidar unha programación estable ao longo do ano.
Neste sentido, o Concello xa traballa na organización dos primeiros concertos, coa previsión de celebrar un primeiro o vindeiro 4 de outubro; o tradicional concerto de Santa Cecilia, a patroa dos músicos; o Concerto de Nadal e os concertos didácticos dirixidos aos centros educativos, unha iniciativa que permitirá achegar novamente a música ao alumnado lucense.
