O Concello de Lugo deu un novo paso para optimizar o uso das infraestruturas públicas ao aprobar a adhesión ao convenio marco promovido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para utilizar as instalacións deportivas dos centros educativos fóra do horario lectivo e durante os fins de semana. Deste xeito, amplíase a oferta de espazos dispoñibles para clubs e entidades deportivas da cidade.
A alcaldesa, Elena Candia, fixo este anuncio ao termo da reunión semanal de Xunta de Goberno, na que destacou que “esta medida responde a unha demanda histórica do tecido deportivo lucense e permitirá aliviar a presión que soportan actualmente as instalacións municipais”. O obxectivo é pór a disposición dos clubs máis horas para adestramentos e competicións, aproveitando equipamentos que permanecen pechados durante gran parte das tardes, fins de semana e períodos non lectivos.
O acordo chega despois da reunión mantida polo goberno municipal con representantes de entidades deportivas o pasado 30 de xuño. Tras a aprobación do texto, o Concello comezará a traballar na firma de acordos específicos cos centros educativos interesados, nos que se determinarán os espazos, horarios e condicións de uso de cada instalación.
O consistorio asumirá a organización das actividades autorizadas, así como as tarefas de limpeza e parte dos gastos de mantemento derivados da utilización das instalacións. A actividade educativa seguirá tendo prioridade en todo momento sobre calquera outro uso.
A intención do goberno local é que os primeiros convenios poidan formalizarse nas próximas semanas para que os espazos deportivos estean dispoñibles canto antes. “Nun principio comezarase polos espazos que xa están habilitados e acondicionados, e posteriormente iranse incorporando outros, unha vez que se vaian liquidando os problemas que teñan”, destacou.
LUZ VERDE Á REFORMA E AMPLIACIÓN DA PROTECTORA DE ANIMAIS
A Xunta de Goberno Local aprobou, ademais, o convenio que permitirá executar a reforma e ampliación do albergue de animais de Muxa, unha actuación considerada estratéxica para mellorar as instalacións da Protectora de Animais de Lugo. O proxecto contará cun investimento de 744.436 euros financiada a partes iguais polo Concello, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. As obras comezarán este verán e contemplan a legalización, reforma e ampliación das instalacións actuais, con melloras nos espazos destinados ao aloxamento dos animais, a atención veterinaria e a adaptación do centro á normativa vixente.
A alcaldesa volveu a destacar a importancia deste convenio, “o primeiro que asinan o tres administracións de forma conxunta despois da Intermodal”. Tamén subliñou que a súa intención é “manter esta política de colaboración” o resto do mandato e seguir traballando en diferentes proxectos de forma conxunta.
400.000 EUROS PARA O MANTEMENTO DE RÚAS
Outro dos acordos destacados foi a aprobación dos pregos para licitar un novo contrato de conservación e mantemento das vías públicas urbanas, cun investimento de 400.000 euros, o dobre da destinada no anterior contrato. A actuación dividirase en dous lotes. O primeiro, dotado con 250.000 euros, estará destinado á reparación e conservación de todo tipo de pavimentos, incluídas as beirarrúas e as rúas do centro histórico. O segundo, cunha partida de 150.000 euros, centrarase no mantemento dos firmes de aglomerado asfáltico.
O contrato terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórrogas anuais ata un máximo de tres anos. Axunta de goberno tamén adxudicou por 158.981 euros o contrato para a produción e dotación técnica necesaria para o funcionamento do Auditorio Municipal Fuxan vos Ventos ás empresas Escoítame Produccións e Thinking Up Events. Así mesmo, aprobouse a concesión da cafetaría da piscina municipal das Pedreiras á empresa Froxán Cafetaría por un período de 15 anos. A explotación xerará uns ingresos anuais para o Concello de máis de 36.000 euros.
Entre os acordos adoptados figura o inicio da contratación da subministración de ferramentas e útiles para o mantemento do cemiterio municipal de San Froilán, cun orzamento de 3.837 euros, así como a formalización dunha operación de crédito a longo prazo por importe de 17,8 millóns de euros destinada a financiar investimentos previstos para 2026.
No ámbito educativo e de conciliación, o Goberno local aprobou unha mellora no servizo Aprende Xogando, reducindo o cociente de atención dun monitor por cada 15 alumnos a un por cada 10, co obxectivo de ofrecer unha atención máis personalizada. Outro dos acordos tomados este luns é a aprobación dunha operación de crédito por valor de 17 millóns de euros para sufragar os gastos dos investimentos, tal e como se recolle no documento de orzamentos aprobado polo Goberno anterior.
Reforzo da estrutura municipal A sesión tamén incluíu varios acordos en materia de persoal. Aprobouse a cobertura temporal da xefatura do Servizo de Persoal, que asumirá Iván Fernández Araujo, que vén doutra institución, e da xefatura do Servizo de Participación e Atención Cidadá, que ocupará Gemma M. Vázquez Rei, quen xa é funcionaria do Concello.
Ademais, deuse luz verde á convocatoria para cubrir mediante libre designación a xefatura do Servizo de Urbanismo e ás bases para a provisión, polo sistema de mobilidade, de tres prazas de Policía Local correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2026.
