A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do contrato da programación dos centros de convivencia, poñendo fin a unha situación na que o servizo viña prestándose co contrato caducado desde había máis de dous anos.
O novo contrato prevé un investimento total de 2.724.849,92 euros, o que permitirá ampliar os recursos destinados á programación sociocultural e consolidar unha oferta estable de actividades nos centros de convivencia da Milagrosa, Fingoi, Leiras Pulpeiro, Sagrado Corazón, Uxío Novoneira, Maruja Mallo, María Balteira e Abella, así como no Centro Interxeracional Paco Martín.
A nova contratación contempla un volume de 28.668 horas anuais de actividade, das que 16.056 horas estarán destinadas á dinamización diaria dos centros de convivencia, 10.870 horas corresponderán a obradoiros, aulas abertas para menores e outras actividades socioculturais, e 1.742 horas dedicaranse á coordinación do servizo. Ademais, inclúe a organización de 10 saídas culturais ao ano.
A programación desenvolverase ao longo de todo o ano e incluirá actividades culturais, educativas, de promoción da saúde, envellecemento activo, intercambio interxeracional, conciliación familiar, dinamización dos barrios, aulas abertas para menores, xogos, bailes, lectura, saídas culturais e actividades de sensibilización e participación comunitaria.
O servizo está dirixido ao conxunto da poboación, aínda que presta especial atención ás persoas maiores, ás persoas con capacidades diferentes, ás familias, á infancia e aos colectivos en situación de maior vulnerabilidade, convertendo os centros de convivencia en espazos de encontro, participación e cohesión social.
Este contrato supón pasar dun investimento anual de 278.579 euros repartido en dous contratos separados a unha licitación única de 576.410 € anuais. Ademais do reforzo económico, o novo contrato incrementa en máis de 10.000 horas anuais a actividade nos centros.
A Xunta de Goberno Local do Concello tamén abordou o reforzo de persoal técnico co nomeamento dun funcionario de carreira na categoría de enxeñeiro de Camiños, mediante promoción interna, reforzando así a estrutura técnica municipal.
No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local figura a concesión de tres licenzas para actuacións residenciais: (123 vivendas que supoñen ingresar nas arcas municipais 270.000 €)
Colaboración con outras administracións
Tamén se procede á aprobación do texto do convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para axilizar a construcción do parque canino en Fontiñas. A Xunta asumirá o financiamento que ascende a 140.000 euros así como a execución das obras e o concello porá a disposición os terreos asumindo posteriormente o seu mantemento.
ACTIVIDADES DEPORTIVAS FIN DE SEMANA
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, fixo hoxe unha valoración moi positiva da intensa actividade deportiva vivida na cidade durante a pasada fin de semana, na que Lugo acolleu tres importantes competicións que reuniron a máis de 1.500 deportistas e técnicos, ademais de centos de familiares e acompañantes.
A celebración do Campionato de España de Voleibol CESA, do Campionato de España Sub-20 Feminino de Hóckey Liña e do Campionato Galego de Barco Dragón converteu Lugo nun importante punto de encontro do deporte base e de competición, cun impacto directo tamén na actividade económica da cidade, rexistrándose unha elevada ocupación hoteleira.
CENTRO CONVIVENCIA FINGOI
