O voceiro do PSdeG no Concello de Lugo, Miguel Fernández, instou este luns o Goberno municipal de Elena Candia a recuperar de maneira inmediata o proxecto da zona pública de baño e lecer do río Miño, unha iniciativa que, segundo asegurou, quedou paralizada tras o cambio de Executivo local.
Fernández acusou o actual Goberno de non dar ningún paso efectivo para desenvolver unha actuación que define como “estratéxica para a cidade” e que, segundo sostén, xa contaba cunha planificación avanzada, contactos institucionais iniciados e unha folla de ruta establecida para a súa posta en marcha. O dirixente socialista explicou que o proxecto formaba parte dunha estratexia máis ampla destinada a converter a contorna do Miño nun espazo de referencia para o lecer, o deporte, o turismo sostible e a convivencia cidadá. Neste sentido, lembrou que a proposta incluía actuacións diferenciadas en tres ámbitos: Os Robles, o parque das Saamasas e a contorna da antiga Fábrica da Luz.
ACTUACIÓNS NOS ROBLES, AS SAAMASAS E A FÁBRICA DA LUZ
Segundo detallou Fernández, en Os Robles xa se iniciaran conversas coa Deputación Provincial para integrar as instalacións existentes nunha grande área fluvial de uso público, co acceso ás piscinas incluído. Pola súa banda, no parque das Saamasas estudábase unha intervención respectuosa co medio natural que permitise mellorar o acceso ao río, sempre baixo os criterios e as autorizacións das administracións competentes.
Fernández salientou especialmente a actuación prevista na contorna da Fábrica da Luz, un espazo de máis de 10.000 metros cadrados con acceso directo ao río e que, ao seu xuízo, reunía as condicións necesarias para se converter na primeira gran zona pública de baño da cidade, xa que ademais conta con tradición de uso entre a poboación. Segundo explicou, a intervención prevista consistía en mellorar os accesos, acondicionar o espazo e realizar tarefas de limpeza e mantemento da vexetación para poñelo á disposición da cidadanía. De feito, a zona conta con bancos, mesas e papeleiras que agora son difíciles de ver pola abundante vexetación.
“NON HAI PROXECTOS EN MARCHA NIN ACTUACIÓNS EXECUTADAS”
O voceiro socialista lamentou que, ás portas dun novo verán, non exista ningún avance visible sobre esta iniciativa. “Non hai proxectos en marcha nin actuacións executadas”, afirmou, ao tempo que atribuíu a situación a unha “falta de vontade política por parte do actual Executivo”. Fernández advertiu de que Lugo non pode permitirse desaproveitar o potencial ambiental, social e turístico do río Miño e defendeu que o Goberno local debería dar continuidade aos proxectos xa planificados. Ademais, ofreceu a súa colaboración para contribuír a desbloquear as negociacións coas distintas administracións implicadas.
COLABORACIÓN COAS ADMINISTRACIÓNS
Neste contexto, o voceiro socialista comprometeuse mesmo a participar persoalmente nas xestións coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia se fose necesario para impulsar a iniciativa. Para concluír, Fernández defendeu que a cidade debe avanzar na recuperación e aproveitamento da súa contorna fluvial e reclamoulle ao Executivo municipal que abandone as escusas e reactive un proxecto que considera “chamado a transformar a relación de Lugo co río Miño”.
O PSOE DE LUGO ACUSA AO PP DE “APROPIARSE” DOS PROXECTOS DO ANTERIOR GOBERNO LOCAL
O exalcalde de Lugo e portavoz do grupo municipal socialista, Miguel Fernández, acusou o novo goberno do Partido Popular na cidade de “apropiarse continuamente dos proxectos do anterior goberno” e de non recoñecer o traballo que, segundo defende, quedou feito antes do cambio de Executivo local. O responsable socialista puxo como exemplo a xestión da parcela do Sagrado Corazón na que se situará o novo centro de saúde. Fernández explicou que inicialmente se optou pola negociación e que, cando esa vía non foi posible, se escolleu o sistema de expropiación. Segundo sinalou, “houbo que agardar pola modificación orzamentaria e polos remanentes, pero agora xa se pode facer”. Con todo, insistiu en que “non é un traballo de agora, xa estaba feito”. “Que non o venda como un éxito seu, senón de quen o fixo”, reclamou Fernández.
“UN POUCO DE ELEGANCIA TORERA”
O exalcalde tamén se referiu aos premios de accesibilidade e limpeza recibidos polo Concello de Lugo, que a actual alcaldesa, Elena Candia, recolleu poucos días despois do seu nomeamento. Fernández pediu “un pouco de elegancia torera” e asegurou que “algo tivemos que ver os que levamos anos pelexando con isto”. O portavoz socialista vinculou tamén eses recoñecementos co traballo da empresa encargada do servizo e coa implicación dos veciños e veciñas, aos que definiu como persoas “moi comprometidas co medio natural”.
OBRAS QUE XA ESTABAN EN MARCHA
As actuacións de obras anunciadas por Candia tamén son, segundo Fernández, atribuíbles ao anterior goberno socialista. Para o exalcalde, este feito desminte a suposta “parálise” coa que o PP xustificou a moción de censura que levou a Elena Candia á Alcaldía. Ao seu xuízo, a situación actual demostra precisamente o contrario. “As únicas obras que están avanzando e se están movendo son aquelas que deixamos en execución ou xa licitadas”, afirmou. Fernández sostén así que o novo Executivo local está a presentar como propios proxectos que xa foran impulsados polo anterior goberno e reclamoulle ao PP que recoñeza o traballo realizado nos últimos anos polo equipo socialista.
