O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao Goberno galego de xestionar a política social de “costas ás persoas” durante a concentración de familiares e usuarios da residencia de maiores das Gándaras, en Lugo.
O xefe de filas do PSdeG participou na protesta xunto co alcalde da cidade, Miguel Fernández, para acompañar aos familiares e usuarios que se mobilizan desde finais de novembro en protesta pola reforma “imposta” desde a Xunta e que denuncian que “afecta directamente á calidade de vida e ao benestar dos residentes”.
O líder dos socialistas galegos puxo o caso desta residencia como mostra do que PSdeG “leva anos denunciando”: “que a política social en Galicia chega tarde e mal, despois de que a Xunta iniciase unha reforma que non ten en conta a necesidade de intimidade e a tranquilidade dos usuarios”.
Así, aludiu a que este proxecto vai incorporar habitacións compartidas eliminando un único espazo privado do que dispuñan os residentes.
O xefe de filas do PSdeG criticou “a falta de investimento” nun “alicerce fundamental” para o benestar dos maiores e sostivo que “cando por fin se move algo, demostran que falla o enfoque”.
Besteiro sinalou que os “servizos públicos de coidados necesitan máis recursos, pero tamén outra maneira de facer as cousas” porque, engadiu, “non é suficiente con anunciar reformas, senón que hai que escoitar, planificar e pór ás persoas no centro”.
O responsable socialista tomou a palabra durante a protesta para reclamar que “se esta intervención é unha oportunidade, que o sexa de verdade” e que sirva para “mellorar as condicións e non para xerar máis incerteza”.
