InicioMovementos sociaisJesús Vázquez: “A xente anónima é protagonista no éxito da hemodinámica”

Jesús Vázquez: “A xente anónima é protagonista no éxito da hemodinámica”

O presidente da Federación de Veciños repasa sete anos de loita polos servizos sanitarios nunha provincia discriminada

PUBLICADA O

- Advertisement -

Na mañá do xoves, a Federación de Veciños recibía aviso dunha inminente reunión co conselleiro de Sanidade, na que se trasladou a ampliación da hemodinámica a horario continuado. O presidente do máis amplo colectivo veciñal máis amplo no país, Jesús Vázquez, debátese entre a ledicia por ter situado o HULA canda outros grandes centros hospitalarios, e a crítica a un sistema sanitario que recoñece excelente, pero no que detecta grandes eivas.

Vázquez insiste durante toda a entrevista en lembrar os nomes imprescindibles na reivindicación da hemodinámica, así como os perfis da xente anónima que adicou grandes esforzos a mobilizar á sociedade lucense. “Na Plataforma do HULA non está só a Federación, está xente coma Vicente Quiroga, Alejandro Fernández Pumariño, Manu Teijeiro, Jorge Somoza, médicos representantes de colexios profesionais e sindicatos”.

Esta historia de sete anos comeza con Miguel Ángel González, outrora xefe do servizo de hematoloxía, e que finou hai uns anos. “Foi el quen nos involucrou en todo isto, quen nos induce a tomar parte” pola hemodinámica e a radioloxía, lembra Vázquez. “Cando viña ás reunións, o pobre non podía nin subir as escaleiras. Pero sempre repetía se non chega para min, que chegue para outros. Iso demóstrache a calidade humana da persoa”.

Polo camiño, intereses diversos. O primeiro, o económico, polo “quebranto económico” no Labaca, o Centro Oncolóxico da Coruña, onde mil douscentos cidadáns lucenses recibían unha media de 40.000 sesións anuais de radioterapia. Houbo tamén intereses “corporativistas”, pois os médicos “eran eacios a vir a Lugo, e a postura do falecido Alfonso Castro Beiras, gurú da cardioloxía, non foi moi favorable a que Lugo tivese servizo propio”. Coa elegancia de seu, Vázquez comenta os intereses políticos: “Houbo partidos que sufriron un coste electoral”.

As grandes marchas

Ao respecto da hemodinámica, o presidente da Federación de Veciños entende que “foi quizais o tema que máis interiorizou a sociedade lucense”. Así se traduciu nas concentracións reclamando o servizo no hospital de Lugo, máis numerosas que outras históricas, coma a da guerra de Irak. E todo comezou “con setecentas persoas que lle queríamos entregar un manifesto a Feijóo, onde reclamabamos os servizos que el mesmo prometera na inauguración do HULA”.

Malia un pequeno fracaso na primeira convocatoria polos servizos hospitalarios, as tres manifestacións que seguiron foron medrando exponencialmente: a que partiu da rúa Montevideo congregou a catro mil cidadáns, e as dúas que saíron da Horta do Seminario, fixeron historia con sete mil e dezasete mil persoas. “No medio hai un traballo de centos e centos de persoas”, reitera.

Ese traballo non se limitou ás grandes marchas por Lugo. Con orgullo lembra a ruta do cancro, que trascendeu en toda España. Vázquez cita as reportaxes da revista Interviu e o imprescidible papel dos medios de comunicación que se desprazaban dende Madrid. “Visualizábase o acompañamento aos enfermos, coma un paciente da Fonsagrada que tardaba dez horas entre ida e volta, para un tratamento de dez minutos”.

A Federación implicouse na campaña Que non che rouben o corazón. O actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez, foi un dos notables que portaron a camiseta vermella. “E estivemos no Parlamento, con 42.000 sinaturas na Iniciativa Lexislativa Popular que máis sinaturas validou”. Para Vázquez, a chave foi que “a xente interiorizou e fixo súas estas razóns, mobilizouse, encheu os balcóns de bandeirolas”.

“Un antes e un despois”

PSdeG

Houbo “un antes e un despois”, detecta Vázquez, no relevo da Consellería de Sanidade producido en 2015. “Non sei por que, tivemos unha relación pésima con Rocío Mosquera, nunca xamais conseguimos que nos recibira”. Pola contra, atopa que o equipo de Jesús Vázquez Almuíña “é máis dialogante”. “En canto tomou posesión, polo menos sentámonos a falar”.

Co conselleiro fixaron que os criterios técnicos rexirían a ampliación da hemodinámica. “Os criterios estaban no número de anxioplastias, nas arterias abertas: se superaban as cento cincuenta, ampliaríase. E superáronse todos os anos”, lamenta. Despois estaba o factor da poboación “envellecida e dispersa”, en especial na Montaña. “Imaxínate como chegabas á Coruña… se chegabas!”

“Non cabe duda de que os traslados á Coruña, e todo o mundo o recoñecía, implicaban unha posible morte”. Xunto coa demora en abrir a arteria, podían quedar secuelas por traslados de máis de dúas horas ata o CHUAC. “Chegou a falarse de mortalidade, e recabamos testemuños, de persoas ás que lles morreron familiares”.

“Toda esa loita converxe no anuncio da hemodinámica 24 horas”. A partir desta historia, Vázquez valora positivamente a ampliación e celebra “o éxito da sociedade lucense”. “Se os lucenses estamos unidos en torno a unha causa xusta, e se mobiliza de xeito pacífico, somos capaces de conseguir calquera cousa”. Conta con orgullo que endexamais houbo “o máis mínimo incidente” nas concentracións.

Así as cousas, o presidente do colectivo veciñal queda co papel da “xente anónima que non sae nos medios”. “Son os compañeiros que ás sete da mañá empapelaban tres mil parabrisas dos coches no aparcadoiro do HULA; xente que se poñía na Rúa da Raíña para entregar dous mil pasquíns da convocatoria de manifestacións; ou o que non ía nin a comer por vender camisetas na Rúa Nova”. Toda esa xente, comenta, “é a que realmente se pode considerar protagonista deste éxito”.

A Federación de Veciños vixiará os retrasos hospitalarios

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...