O tramo entre o municipio lucense de Palas de Rei e o coruñés de Melide, de case 12 quilómetros, na autovía Santiago-Lugo (A-54), abrirá ao tráfico este luns, 3 de febreiro. O ministro de Transportes e Mobilidade, Óscar Puente, será o encargado da inauguración desta obra, tendo en conta que queda pendente de pór en servizo os 16 quilómetros do tramo entre Melide e Arzúa para completar os 93,4 quilómetros da autovía que une a capital de Galicia coa cidade amurallada. A primeira pedra das obras do tramo Palas-Melide púxose o 31 de xullo de 2017, polo que sete anos e medio despois porase en servizo, aínda que por entón o Ministerio do popular Íñigo de la Serna fixaba o prazo de execución destes 11,7 quilómetros en catro anos e tres meses.
A inauguración desta autovía celebrarase no viaduto sobre o río Pambre, de case un quilómetro (será o máis longo da provincia de Lugo), que permitirá o paso da autovía A-54 sobre o río do mesmo nome. Destaca a singularidade estrutural e construtiva do van principal, de 87 metros de lonxitude, que requiriu duns medios altamente especializados e procedementos construtivos innovadores para materializar un viaduto de taboleiro único de 977 metros de lonxitude. Esta obra fíxose para non danar unha especie de arbusto protexida na Serra do Careón, a Santolina melidensis.
AUTOVÍA COMPLETA EN 2025
A finais de 2024, o propio ministro Óscar Puente confirmou que o tramo Melide-Arzúa inauguraríase en 2025 para dar por finalizada unha infraestrutura que acumula numerosos atrasos. Hai máis de 20 anos que esta autovía se comprometeu para estar lista no ano 2010. De feito, nunha visita a Galicia en xuño de 2024, o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Urbana, José Antonio Santano, chegou a “pedir desculpas por tardar tanto tempo” en acabar esta autovía tras décadas de obras. O primeiro tramo entre Santiago e Lavacolla inaugurouse en 1999.
Mesmo no ano 2023 a Audiencia Nacional (AN) condenou ao Ministerio de Fomento (actual Ministerio de Transportes) a abonar a Dragados (grupo ACS) 7,7 millóns de euros polos sobrecustos ocasionados debido aos atrasos na construción do tramo entre Lavacolla e Arzúa Oeste. A estimación é que, unha vez estea terminada a autovía na súa totalidade, percorrerase nuns 50 minutos, a metade dos 100 minutos actuais do traxecto a través do itinerario da N-547, ou os 85 minutos do traxecto polo itinerario da A-6 e N-634. Cando se acabe a unión desta vía entre Santiago e Lugo teranse investido máis de 700 millóns de euros.
CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
O tramo discorre ao sur da estrada N-547, cun trazado sensiblemente paralelo a ela. Prevese ademais mellorar a seguridade viaria da actual N-547, tanto rodada como peonil, onde actualmente hai importantes tránsitos de peregrinos do Camiño de Santiago, eliminándose ademais a travesía de Melide. A lonxitude do novo tramo de autovía é de 11,7 quilómetros. Iníciase en Palas de Rei e conecta co tramo xa en servizo da A-54 entre Lugo (Nadela) e Palas de Rei. Continúa a través dos termos municipais de Santiso e Melide. O final do proxecto sitúase ao sur do municipio de Melide, na intersección entre a estrada N-547 e a AC-840.
Constará de dúas calzadas separadas de dous carrís de 3,5 metros cada unha, beiravías exteriores de 2,5 metros e interiores dun metro. A mediana de 9 metros de ancho. O pasado martes, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Melide, José Manuel Pérez, para tratar as medidas relacionadas coa apertura, de forma que recomendou a camioneiros de máis de oito toneladas usar a N-547 para evitar o seu paso pola AC-840.