InicioLugo e contornaLugoLugo acolle o 'I Foro da la' con actividades, exposicións e proxeccións

Lugo acolle o ‘I Foro da la’ con actividades, exposicións e proxeccións

O sector reivindica que este recurso se converteu nun residuo almacenado nas granxas

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un evento no que a la sexa a protagonista e no cal poñela en valor, nisto consiste o I Foro da la, organizado pola asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA). Terá lugar en Lugo, na Praza de Abastos, os días 14 e 15 de setembro entre ás 11h e as 19h. “A idea é facer unha serie de actividades, todas arredor da la, abertas ao público xeral, co obxectivo de facerlles chegar a situación da la e a súa problemática”, explica Amaia Santamarta, persoal técnico de Ovica. Será un espazo que contará con parte de exposición e venta de la con artesáns que se dedican a procesar a la, principalmente do téxtil; ademáis de diferentes proxeccións, como curtas ou documentais, arredor do mundo da la e do sector da gandería. 

A la sempre foi recurso en granxas de ovino, era unha materia prima que se recollia, tiña a súa parte de procesado, e se empregaba para industria e outros fins. Porén, segundo conta Amaia, co paso do tempo, a la foi substituida por outros materiais. A nivel España, a maioría dos lavadoiros que había foron desaparecendo porque cada vez tiñan máis requisitos medioambientais para seguir en marcha. Daquela, a maioría de la que se recollía, exportábase, fundamentalmente a China. Porén, este comercio viuse paralizado na pandemia e agora atópanse nunha situación na que “a la non ten saída” porque “non hai suficientes puntos para procesala”. 

FALTA DE LAVADOIROS PARA PROCESAR A LA 

O primeiro paso para poder empregar a la é lavala e a cuestión é que tan só hai tres lavadoiros funcionando en toda España: en Cuenca, Palencia e Valladolid. Tamén en Portugal hai outro, empregado por moitos galegos na fronteira. Cun número tan reducido, a la sufriu un importante cambio. Pasou de ser un recurso, co cal as ganderías sacaban unha rendibilidade, polo menos, para asumir os custos de tosquiar as ovellas, a ser actualmente un residuo. Atópase almacenado e acumulado nas granxas e os gandeiros xa non saben que facer, tendo en conta que a la está clasificada como un Sandach (Subproducto Animal Non Destinado ao Consumo Humano). Isto que quere dicir? “Que ten que ter unha xestión especial sendo, dentro dos productos sandach, non dos máis contaminantes e perigosos porque non ten ningún elemento tóxico”. A súa biodegradación é complicada porque parte da importancia que ten como materia prima son as súas propiedades, sendo un material que tarda moito tempo en descompoñerse. 

Entón, que se podería facer coa la almacenada e teña unha vida? Comenta que as saídas son múltiples, pero fundamentalmente, a téxtil, polas características de durabilidade e as súas propiedades. “Para empregarse no téxtil ten que ser unha la determinada, xa que moitas non cumpren coas premisas”, expón. Tamén existen empresas que fabrican colchóns, nórdicos ou almofadas, con técnicas novidosas para esa la que non “vale para o téxtil, fiar ou facer tecidos”. Outras empregan esta materia prima como acolchado agrícola para “impedir que saian herbas nun formato de láminas” ou incluso como compostar para vender como abono. Son só algúns exemplos dos usos que podería ter, algúns xa se veñen dando e haberá outros novos que se están investigando. “Neste momento no que estamos de potenciar a economía circular e os recursos debería haber novas investigacións e tecnoloxías para que a la se empregue con outros fins como tamén nas fibras da construcción, como illante…”, manifesta. 

“A VER SE ENTRE TODOS CONSEGUIMOS ATOPAR UNHA SOLUCIÓN”

Considera, como persoal da asociación Ovica, que a xente que está dentro do sector sabe desas saídas porque cando isto comezou a ser un problema, quixeron saber como solucionalo. O punto de partida está en que calquera uso que se lle queira dar ten que pasar inicialmente polo lavadoiro. “Se non podes dar ese primeiro paso, non podes facer nada con ela, e unha vez limpa habería que buscar industrias ou empresas interesadas na mesma”, explica. Ata o de agora, na época de rapar as ovellas, sobre de marzo a xuño, íase facendo e ían persoas autorizadas co rexistro de transportistas para ir levando ao lavadoiro. Polo xeral, os de Galicia dirixíanse ao de Palencia e logo o propio lavadoiro era o que mercaba a la. Porén, no panorama actual, están saturados e non poden con tanta la, polo que demandan que o idóneo sería ter máis. 

Durante a organización do I Foro da la, puideron compartir sinerxias con outras persoas do sector e houbo artesáns que comentaron que tiñan que mercar a la a Alemaña. “Probablemente a que trae de aló, sexa de aquí, pero marchou para procesarse e logo volve”, afirma e considera que hai demanda, pero faltan medios. Pon de manifesto o caso de dous concellos en Cataluña e Andalucía, que puxeron en marcha proxectos pequenos a nivel comarcal de lavadoiros. Non é unha cuestión que atinxa só a Galicia e aquí tamén, segundo sinala, houbo proxectos, pero “falta o financiamento e implicación da administración”. Con evento desta fin de semana en Lugo procuran tentar unir a toda a xente interesada en reivindicar os usos da la e ver “se entre todos conseguimos atopar unha solución”. 

ÚLTIMAS

Ángeles Vázquez ve igual de importante o expediente de Altri como o de ampliar unha granxa

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, asegura que é "igual de importante" para...

Alfonso Rueda e Ana Pontón coinciden no San Froilán

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,...

As actividades do San Froilán renóvanse este mércores despois da borrasca Kirk

A área de Cultura, Turismo e Promoción dá Lingua do Concello de Lugo informou...

Facua critica a Xunta por patrocinar o Caudal Fest, sancionado por cobrar pola devolución do diñeiro de pulseiras

A organización de consumidores Facua criticou que a Xunta patrocinase o festival Caudal Fest, que se...