InicioPolíticaO Concello de Lugo saca músculo con tres proxectos de mobilidade no...

O Concello de Lugo saca músculo con tres proxectos de mobilidade no último ano de mandato

Neste mes de maio o goberno local realizou tres grandes anuncios, forte comezo para un ano electoral no que quere superar o grao de execución dos anteriores orzamentos

PUBLICADA O

- Advertisement -

A comezos de maio, un investimento de 255.000 euros no ascensor de Fontiñas. Cinco días despois, 119.000 euros para o aparcadoiro do HULA. E o luns seguinte, o Concello de Lugo adianta que empregará 350.000 euros para sete aparcadoiros disuasorios. Os novos orzamentos permiten ao executivo local arrostrar o decisivo ano electoral con renovada enerxía; con razón dicía a alcaldesa, Lara Méndez, que a aprobación das contas ben merecía arriscar a posición persoal e do partido. A promesa da formación socialista de asumir os retos da mobilidade na cidade colle pulo, e faino nun intre moi oportuno.

A cuestión é se será tempo abondo. Ollando cara atrás, os orzamentos de 2016 –logo prorrogados– foron aprobados en maio e o goberno de Lugo foi quen de executar algo máis do 80 por cento. Desta vez, o total presupostado ascende un 5 por cento ata os 95 millóns de euros, en boa parte polo incremento nos investimentos, cunha suba do 40 por cento. Así, o concello aposta por sacar músculo dende o primeiro momento cunha vella demanda, o ascensor de Fontiñas, e ata 800 novas prazas en aparcadoiros públicos. A realización doutros proxectos, coma a renovación do bus urbano ou o carril bici ata o Miño, terá que agardar.

 

O ascensor de Fontiñas

A veciñanza do barrio contará en catro meses cun ascensor para salvar unha altura de 11 metros dende a Ronda de Fontiñas, cun novo alumeado para a andaina e a humanización e mellora da contorna. Cun investimento de 255.000 euros, o ascensor público de Fontiñas dará servizo a 10.000 veciños, calculan dende o consistorio, e vencellará a Ronda coa rúa Ramón Montenegro, unha conexión moi demandada para acceder ao centro de saúde e o núcleo de Lugo.

 

Aparcadoiro público do HULA

Este proxecto servirá para acondicionar unha parcela de 12.000 metros cadrados á beira do Hospital Universitario. Contando co prazo de adxudicación e execución, en cinco meses haberá 363 novas prazas gratuítas, co que o total de espazos de estacionamento creados no mandato na contorna do HULA acadará os 513. Os traballos contan cun orzamento de 119.000 euros para o movemento de terras, a instalación dun peche vexetal e a protección da mámoa, que contará cun control arqueolóxico na parcela. No concello estiman que o centro hospitalario conta con entre 3.000 e 4.000 usuarios diarios.

 

Sete aparcadoiros disuasorios

O polo de agora último anuncio da xunta de goberno local é o proxecto de acondicionamento de sete aparcadoiros disuasorios en distintos puntos da cidade, que abranguerán 6.000 metros cadrados e aportarán 203 novas prazas gratuítas. O prazo de execución calcúlase en 5 meses, cun orzamento conxunto de 350.000 euros. Apois de realizar un estudo técnico, o concello decidiu que os sete aparcadoiros estarán en Garabolos, Lamas de Prado, A Milagrosa, na Avenida de Madrid, Paradai de Arriba, e os outros dous no centro.

ÚLTIMAS

Interceptado en Lugo un condutor que cuadriplicaba a taxa de alcol permitida e 17 máis que deron positivo

A Policía Local de Lugo interceptou este fin de semana a un condutor que cuadriplicaba a taxa...

Tres persoas enfróntanse a cinco anos de cárcere por tentar secuestrar a unha menor en Vilalba

A Audiencia Provincial de Lugo xulga este martes a tres persoas que se enfrontan a...

A Deputación de Lugo licita o 40 % do Plan de estradas previsto para este ano

A Deputación de Lugo alcanzou este mes o 40 % do financiamento do Plan...

Primeiros traballos para Miguel Fernández: obras no centro histórico e a aprobación dos orzamentos

O novo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, fixo unha primeira valoración dos seus primeiros...