O equipo NIIDEA3D do IES Muralla Romana de Lugo vén de gañar coa elaboración dun globo terráqueo a novena edición da D3Mobile Metrology World League, un campionato científico de escaneado 3D de precisión con táblet/teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación CIGEO da EPS de Enxeñaría da USC e que conta con financiamento da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e a Sociedade Internacional de Forogrametría e Teledetección (ISPRS).
D3Mobile constitúe unha das iniciativas para o fomento das vocacións científicas e internacionalización do Campus Terra USC, segundo subliñou o profesor da USC e director do proxecto, Juan Ortiz Sanz, quen avanzou que un equipo de estudantes do Istituto Calasanzio de Empoli (Italia) acadou o subcampionato deste certame, concibido como unha experiencia educativa dirixida a novas promesas STEM (do inglés Sciencie, Technology, Engineering e Mathematics) co obxecto de que adquiran diversas habilidades do século XXI mediante o escaneado 3D de precisión.
Tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 44 equipos que acadaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos Adrián López Montouto, Nahir Armesto Pallares e Juan Carlos Amedo López, coordinados pola profesora Marta Goy López. Na segunda proba, este equipo de Lugo elaborou un globo terráqueo mentres na terceira proba, conseguiu un erro medio inferior a 0,05 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm de diagonal maior. Os italianos Giovanni Spinelli e Arianna Cioni, coordinados polo profesor Matteo Batistini, obtiveron a segunda mellor puntuación tras escanear en 3D un ave zancuda disecada cun erro medio inferior a 0,09 mm.
Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo dun transformer escaneado en 3D, elaborado polo equipo YAG, do IES Pobra do Caramiñal, formado polos alumnos Yeray Mariño Gómez, Antía Gómez Rego e Gabriel González González, que estiveron coordinados pola profesora Margarita Saborido Ojea.
COMPETENCIAS
Outro dos premios establecidos polos promotores da D3Mobile fomenta as competencias do alumnado para realizar unha campaña de difusión dos seus resultados, a fin de conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis respaldado polo público de todo o mundo foi o do IES Aguilar e Cano, de Estepa (Sevilla), formado por Javier Frochoso García, Andrea García Casín e Patricia Martín, coa coordinación do profesor Salvador Páez Díaz. Este grupo conseguiu dar a coñecer o modelo 3D dunhas zapatillas co que obtivo unha gran cantidade de votos. Deste xeito, apuntan desde a organización do torneo, os equipos finalistas da D3Mobile Metrology World League actuaron como promotores da USC, do Campus Terra e, nomeadamente, tamén divulgaron as titulacións impartidas na EPS de Enxeñaría de Lugo entre todo o público do campionato, que inclúe todos os escolares participantes e os seus compañeiros, profesores e familiares.
LABOR CIENTÍFICO
O galardón á difusión do labor científico da USC, unha distinción que requiría que os participantes seleccionaran un obxecto representativo dos resultados de investigacións desenvolvidas por científicos da USC, recaeu no equipo B&W, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, formado por Isabela Vélez Galego e Brais Lorenzo Uriz. O profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz actuou como coordinador deste equipo, que elaborou un modelo 3D da figura dun animalrelacionado co Grupo de Investigación Análise e Conservación da Biodiversidade (ACBiodiv).