Un can de pequeno tamaño que ía apoiado no portelo do coche dos seus donos, cando estes circulaban pola Avenida da Coruña, foi subtraído do vehículo por uns mozos cando estaba parado nun semáforo, o que deu orixe a unha liorta que acabou cun mozo ferido e outro detido por lesións graves.
Segundo informou a Comisaría Provincial de Lugo, os feitos ocorreron a semana pasada. A propietaria do animal apeouse do vehículo para tratar de recuperalo, o que provocou unha pequena liorta, en principio sen consecuencias. Con todo, ao saír do turismo o condutor, supostamente para tranquilizar os ánimos, foi golpeado nun ollo polo agora detido cun obxecto que levaba na man.
Cando estaba agachado a causa da dor producida polo primeiro golpe, e sangrando pola cara, o agresor, que conta con numerosos antecedentes por diferentes delitos, propinoulle unha patada na perna que lle provocou unha fractura, o que fixo que caese ao chan, onde continuou golpeándoo.
No transcurso da pelexa, tamén lle roubaron a chaqueta á propietaria do animal, na que portaba diversos obxectos persoais. Ademais, tamén lle tiraron ao chan e rompéronlle o seu teléfono móbil.
Presentada a correspondente denuncia na Comisaría Provincial e comprobada a veracidade da agresión, axentes do Corpo Nacional de Policía identificaron ao suposto autor da mesma e procederon á súa detención. Despois de prestar declaración en sede policial, quedou en liberdade á espera de xuízo, mentres que as dilixencias de investigación foron remitidas á autoridade xudicial