InicioPolíticaLugonovo aspira a formar un equipo máis xove e xeneroso

Lugonovo aspira a formar un equipo máis xove e xeneroso

A formación extrae valiosas experiencias dunha transición longa e custosa, pero aplicalas non dependerá só do equipo actual

PUBLICADA O

- Advertisement -

A terceira forza política de Lugo pasou por tempos difíciles neste curso político. En condicións normais, o verán tería que servir para reflexionar e coller folgos de cara ás vindeiras eleccións. Porén, semella que os cambios orgánicos de Lugonovo adiantaron ese proceso, a un alto prezo humano e de capital político. Ata setembro, a formación fará penitencia mentres agarda a que se realice o novo reparto de ambicións na esquerda. A catarse agarda nas futuras primarias.

Así e todo, a clausura do curso fíxose cun ambiente festivo. Arredor de medio cento de simpatizantes arrouparon á plana maior de Lugonovo, compartindo música e aperitivos con referentes da esquerda local e axentes clave nos primeiros pasos da escadra rupturista. Membros da estrutura e cargos electos amosáronse ledos por manter vivas as esencias do municipalismo e o contacto directo cos barrios, un escenario que desexarían recrear nos comicios. Hoxe semella irrealizable.

Algúns aínda están adaptándose a novos roles na organización e inclusive na corporación. O reto foi importante para quenes tiveron que asumir novas responsabilidades perante as saídas de Santiago Fernández Rocha e de Iñaki García, amais dun grupo minoritario de militantes vencellado a Podemos. E foi maiúsculo para a actual voceira, que sabe da interinidade desta función.

Aliás, contan cun nutrido grupo loxístico. Entrou xente nova á coordinadora e o aparato de comunicación foi reorientado, o que fala das enerxías postas nos preparativos para a convocatoria electoral. A maquinaria sigue unhas directrices meridianas, algo que será de todo menos doado de cara á conformación do grupo de elixibles que sairá dos procesos de despois de verán.

Algo si está claro nas filas de Lugonovo: queren crear equipos, non só listas. Procuran xente que deixe claro o seu compromiso e con dedicación antes, durante e despois da cita coas urnas. E hai o desexo de rexuvenecer o grupo, apostar polo talento xove na procura de novas propostas e maior transversalidade e permeabilidade co elector.

Outra conclusión é a necesidade de evitar egos, tanto dentro do partido como no trato co resto de forzas da corporación. Están descontentos co proceder dos socialistas, pero entenden que precisarán ser máis xenerosos en cuestións que anteriormente dividiron á esquerda. E para transformar, para aplicar o seu programa electoral, non será abondo con fiscalizar un pacto de investidura. É aceptado que deben ser decisivos no día despois dos comicios e entrar ao futuro goberno.

Sen personalismos e cara a unha esquerda unida. Ese é o desexo, pero o vindeiro ano será duro, admiten. Hai quen dá por feito que Podemos integrarase inevitablemente en Esquerda Unida, polarizando o arco político entre os nacionalistas e os xacobinos. Á integración tampouco contribuíu a exclusión que, aseguran, sufriu Lugonovo por parte da esquerda máis tradicional. Sobre a situación da cidade, división de opinións. O que si é compartido é o lamento por non ter construído aínda unha alternativa gañadora fronte á administración socialista, á xestión pola xestión.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...