InicioSociedadeO garda civil acusado de maltratar a súa parella nega os feitos...

O garda civil acusado de maltratar a súa parella nega os feitos durante o xuízo

A vítima, que asegurou terse sentido controlada, renunciou a exercer a acusación particular, así como á indemnización que inicialmente pedía para ela a Fiscalía. A defensa do acusado pide a libre absolución do detido, por "non existir probas" suficientes.

PUBLICADA O

- Advertisement -

EFE.- O garda civil que esta mañá sentou no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo por ameazar, maltratar e acosar a súa ex parella negou os feitos que lle imputa o ministerio público. A preguntas do seu avogado, asegurou que “esa non é” a súa “maneira de actuar”. Pola súa parte, a muller renunciou a exercer a acusación particular.

O ministerio fiscal pide para o garda J.A.C.F unha pena de doce anos de cárcere polos delitos de malos tratos, ameazas e revelación de segredos, dado que considera que ameazou e golpeou a súa parella, ademais de usar a súa posición para acceder a información privada da muller cando xa romperan a relación sentimental. Pola contra, a defensa do detido solicita a libre absolución por “non existir probas” suficientes contra o seu cliente.

O acusado, que só aceptou responder as preguntas formuladas polo seu letrado, asegurou que “nunca” actuara da maneira descrita pola Fiscalía. “Ela vivía na súa casa e eu na miña”, explicou na vista oral o detido. Aclarou que a deles fora unha relación “moi complicada, con moitos altos e baixos”, pero insistiu na súa inocencia.

ACOSO

O relato da muller tamén incluía episodios de acoso unha vez rota a relación sentimental. Segundo ela, o home ameazábaa e insultábaa a través de mensaxes que lle enviaba a través de diferentes redes sociais. Malia bloquealo, seguíanlle chegando chamadas perdidas e mensaxes de texto. Se non contestaba, o detido incluso ía timbrar á casa na que ela vivía cos seus avós.

Ademais, tamén tería utilizado a súa clave de Garda Civil para acceder ás bases de datos e obter información que lle permitira controlar os seus movementos.

RENUNCIA Á ACUSACIÓN PARTICULAR

O fiscal sostén que por mor da situación vivida, a vítima padeceu un “trastorno ansioso depresivo, que precisou de tratamento farmacolóxico e terapia psicolóxica”, unha situación que se prolongou durante medio ano.

Por todo isto, o ministerio público considera nas súas conclusións provisionais que os feitos narrados son constitutivos dos delitos de malos tratos habituais, tres delitos de malos tratos, un continuado de ameazas e outro de descubrimento e revelación de segredos, coa circunstancia agravante de parentesco, polo que pide para o acusado doce anos de cárcere e a prohibición de achegarse á vítima a menos de 500 metros durante o mesmo tempo.

Pola súa banda, a vítima renunciou a exercer a acusación particular e tamén á indemnización que inicialmente pedía para ela o ministerio fiscal, por importe de 3.400 euros. Segundo o avogado do acusado, o feito de que a muller rexeitase iso é “indicativo” de que se “quere apartar na medida posible da denuncia”, polo que solicita a absolución do detido. EFE

ÚLTIMAS

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...

Os socialistas e o Concello de Lugo esixen á Xunta un compromiso plurianual para o Museo da Romanización

O Concello de Lugo e o PSdeG avanzaron que esixirán á Xunta un compromiso...

Morre nun parque de Lugo un home de 37 anos tras ser atopado semiiconsciente

Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado...