InicioSociedadeObras para resolver filtracións na Estrada da Granxa, Fontiñas e na Escalinata...

Obras para resolver filtracións na Estrada da Granxa, Fontiñas e na Escalinata da Estación

Álvaro Santos anunciou a apertura do proceso de contratación dunhas actuacións para solucionar as humidades e asolagamentos nestas zonas.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O concelleiro da Área de Desenvolvemento Local Sostible, Álvaro Santos, anunciou hoxe que se procederá á contratación das obras de mellora de drenaxe na Estrada da Granxa, na Ronda das Fontiñas e na Escalinata da Estación. Así o aprobou a xunta de goberno celebrada este mércores 31 de xullo.

Segundo Santos,  a apertura deste proceso de contratación serve para “dar resposta a un problema que vimos detectando nas redes de saneamento destas áreas, que están provocando inundacións recorrentes e filtracións”. Para acometer estas melloras investiranse 83.217 euros, IVE incluído.

Na Estrada da Granxa, xunto ao número 114, existe unha zona de aparcamento cunha superfície duns 2290 metros cadrados. Toda a auga de escorrentía desta superficie desauga a uns poucos sumidoiros, que non contan coa capacidade suficiente para evacuar. Por tanto, prodúcense inundacións no garaxe do edificio do número 114. Doutra banda, existen seis pozos de rexistro, na parte da Estrada da Granxa entre Afonso X O Sabio e a Avenida de Magoi, onde hai unha gran acumulación de trapos que é necesario retirar.

Sendo así, Santos avanzou que se disporán catro liñas de reixas na calzada, tanto en sentido transversal como en sentido lonxitudinal ao eixe do aparcamento desta rúa. Así, facilitarase a recollida de augas de escorrentía e o seu traslado aos sumidoiros e pozos de rexistro existentes.

Na Ronda das Fontiñas, as dúas redes diferenciadas -a de pluviais e de saneamento- non están perfectamente separadas, polo que os caudais dunha e outra acaban por mesturarse. Entre os números 86 e 96 da calzada leste, prodúcense frecuentes asolagamentos, que dende o Concello vinculan á orografía do terreo e ao escaso número de sumidoiros. Tamén aluden á gran cantidade de augas pluviais que baixan polo Carril dos Indios e pola rúa do Outono, sen practicamente ter sistema de captación de augas. Do mesmo xeito, e como consecuencia de todo o anterior, tamén se detectaron problemas na rede de saneamentos.

Para pór fin a esta situación, tamén aquí se instalarán varias liñas de reixas, ademais de tres novos pozos de rexistro de pluviais e sumidoiros. Para evitar o colapso da rede de saneamento, disporase unha válvula anti-retorno e un aliviadeiro que trasladará o exceso de caudal á rede do saneamento do lado leste da Ronda.

No que respecta á Escalinata da Estación, confirmouse que os garaxes colindantes vense afectados por un problema de humidades en épocas de chuvias. Estas filtracións proceden tanto das conduccións de augas pluviais coma dos xardíns.

Neste caso, establecerase unha zanxa drenante conectada coa rede de pluviais mediante un tubo que atravesaos xardíns.

O Concello advirte que podería ser necesario restrinxir o tráfico (peonil e rodado) na zona de actuación, e incluso prohibir o aparcamento nas prazas ubicadas xunto á área de traballo. En todo caso, o prazo de execución das obras será de seis semanas a partir da firma do contrato.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...