InicioMedioambiente e Patrimonio“O principal patrimonio de Castroverde son as persoas, e cada vez hai...

“O principal patrimonio de Castroverde son as persoas, e cada vez hai menos”

O presidente de Amigos do Patrimonio de Castroverde analiza, con motivo da Feira de Artesanía e Gastronomía, as ameazas contra a herdanza cultural do lugar

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este domingo, Castroverde celebrou a XIII Feira de Artesanía e Gastronomía. O certame foi precedido, como é tradición, polo encontro de irmandamento coas vilas homónimas de Castela e León e Portugal. Estes eventos teñen en común o obrar altruísta de Amigos do Patrimonio de Castroverde, colectivo que, a través do seu presidente Manuel Muñiz, pide máis implicación para salvagardar e valorizar a herdanza cultural do concello lucense. 

Como nace a asociación?

A idea da asociación empezou con varias xuntanzas a principios de século, arredor de 2002 e 2003. Foi a raíz de que os pendellos da feira estaban todos caídos, esmendrellados, e un grupo preguntabámonos como podía estar iso así. Empezamos a visitar distintos puntos do concello, e en 2005 fraguouse a idea de facer a asociación.

O evento máis recente no que participou foi o irmandamento de Castroverde.

Este ano tocaríalle o duodécimo irmandamento, pero foi o décimo. Isto é así porque cando comezou a Feira de Artesanía, en 2007, coincidiu co primeiro irmandamento; pero houbo dous anos nos que non houbo irmandamento, en que o Concello que lle correspondía non o realizou. No noso, como estamos nós detrás insistindo, pois ao final vai subsistindo a idea.

Visita do irmandamento de Castroverde ao miradoiro do Monte da Lomba

A xente foi encantada, pero tiña que dar máis froitos. A miña idea era que houbese un intercambio entre as familias, que viñera durante unha semana xente dos outros Castroverdes e que estivera con familias de acollida diversas.

E con concellos da zona poderían facerse novas colaboracións?

Cos concellos da comarca non facemos colaboracións directamente, aínda que si fomos visitar lugares diversos, na Cortevella a Baleira, ou outro ano fomos a Meira e Viladonga, Ribeira Sacra… A colaboración é unha idea que vexo difícil.

Que hai da Feira de Artesanía? Como medrou a cita, que conta cun movemento importante?

Se os irmandamentos non acadaron o obxectivo desexado, a Feira tampouco. Quedou nun día só e se desvirtuou bastante: non lle vexo moito xeito aos pasos de moda, os coches clásicos poderían ser tractores clásicos, cousas máis enraizadas no lugar. Dá traballo, pero poderíamos traer o gando. O potencial está aí pero o problema é que o principal patrimonio son as persoas, e cada vez hai menos.

Neste senso, os roteiros que organiza Amigos do Patrimonio de Castroverde son importantes para vencellar persoas e patrimonio.

O que pasa é que non logra o que pretendía. Fai falla tempo, como pasou co Camiño Primitivo, que se volveu a reivindicar a partir dos noventa. Antes a xente pasaba e agora tenlle respecto, fixéronse albergues e hai negocio. Nos roteiros sería exactamente igual se a xente os valorara, pero hai quen ve algo prexudicial no patrimonio, e incluso rompen os paneis. É un despropósito, non hai cabeza nin cultura.

Os Castroverde doutros lados alucinaban co potencial deste lugar, e coa riqueza que temos só na auga. Os dous ríos principais, o Tórdea –con dous afluentes– e o Chamoso –con outros tres, máis o Azúmara que nace en Montecubeiro, van cara o Miño dende as múltiples fontes de Castroverde. Vían que podían beber dun par de fontes en Vilabade, que de camiño de Rodinso a Bolaño podían ver máis fontes e regos. É unha riqueza que a xente de aquí non se decata.

Tampouco somos conscientes do número de bens patrimoniais cos que consta Castroverde. Igrexas románicas, pazos…

Había que comezar polos castros soamente. Castroverde podería ser calquera castro verde, porque todos son verdes, pero leva por nome Castroveride, que era unha familia. Castros e mámoas son desfeitos para achaiar o terreo, non se valoran.

O mesmo pasa cos cruceiros. Eu teño inventariados todos os cruceiros, mais aínda non o publiquei.

Estamos rehabilitando cruceiros, este ano rehabilitamos un, e queremos que o Concello colabore con dous que están pendentes, están partidos polas árbores.

 

E igual cos muíños, cos pombais, cos mesmos peches das fincas; nos camiños, corredoiras e rilleiras, as marcas dos carros, que noutros sitios si valoran como patrimonio a preservar, aquí temos cincuenta, e ao mellor pasa unha pa e acaba con todo. Pechan e cortan camiños tradicionais, medievais.

É por falta de cultura, de educación, de visión; son a única riqueza que temos. Serían os camiños medievais, o Camiño Primitivo e tamén a Vía XIX. Van facer un roteiro ciclista pola Vía XIX que en dous sitios ao paso por Castroverde están moi mal.

A catalogación adoita ser un traballo para asociacións sen ánimo de lucro, coma Patrimonio Galego, que leva documentados máis de dez mil bens. Como colabora Amigos do Patrimionio de Castroverde con estas redes?

Estamos en Rede do Patrimonio Cultural, a asociación de asociacións, que está formada por máis de noventa dende hai ano e medio.

Parte do voso labor inclúe un traballo de fotografía. Hai unha calidade que salienta o valor do patrimonio que, doutro xeito, podería pasar desapercibido.

Fotografiamos todo por onde imos indo, de cada vez. O problema é que non se aprecia por parte da poboación, igual pasa como co Camiño Primitivo, que se apreciará dentro de vinte anos.

Facemos un roteiro mensual, temos o encontro de asociacións, os irmandamentos, colaboramos no Grupo de Desenvolvemento Rual anterior, e aínda hoxe seguimos a ter a sede do 2007-2014, colaboramos con moitas asociacións e non damos máis. Porque ao final, os que traballan son tres ou catro. É a realidade, non temos un grupo de dez ou vinte persoas para facer máis cousas.

Como evolucionou a implicación da xente con Amigos do Patrimonio de Castroverde?

Mantense. É certo que hai xente que dase de baixa, por motivos diversos, e cada ano asóciase alguén máis. O problema é que non hai xente nova, ou de trinta ou corenta anos que podería involucrarse porque xa ten estabilidade na súa vida. Hai falta de curiosidade.

Cales son os bens culturais de Castroverde en risco de deterioro ou desaparición?

Pode ser o caso dos castros; e esperemos que non desaparezan os sartegos, que son altomedievais, tumbas excavadas en rocha que hai no Corgo e Castroverde, en Recesende e Goi. Como é difícil rompelos, esperamos que se preserven.

Pero os muíños están a desaparecer baixo as silveiras, ou os pombais e os hórreos, dos que quedará un dez por cento dos que houbo. En grandes monumentos, está en risco o mosteiro e a igrexa de Montecubeiro. Hai unha igrexa románica en Cellán de Mosteiro á que xa lle caeu todo, quedan os muros nada máis.

E Soutomerille, como zona, cada día hai un novo desastre. Dende que comezou a asociación, caeu un castiñeiro que levamos para o albergue de peregrinos; roubaron a campá hai dous anos; este ano caeu un carballo grandísimo sobre un forno único que quedaba na casa-torre; e sobre o cemiterio, o único feito en cantería con tres panteóns, caeu outro carballo.

Todas as imaxes cortesía de Amigos do Patrimonio de Castroverde

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...