InicioPolíticaA residencia de Castroverde abre outra fronte no socialismo lucense

A residencia de Castroverde abre outra fronte no socialismo lucense

Un dos bastións do socialismo na provincia decidiu reclamar de volta a xestión do centro, danando a credibilidade do proxecto da Deputación

PUBLICADA O

- Advertisement -

A intervención da xustiza parecía indicar que o conflito pola sociedade do solo Suplusa non faría máis estragos no goberno provincial. Porén, a decisión do grupo socialista de Castroverde de solicitar de volta a xestión da residencia de maiores do municipio supón un novo golpe á dirección do partido na provincia, que foi incapaz de frear esta reivindicación do poder local contrario ao aparato.

O concello é un bastión para o PSdeG. O grupo socialista que lidera Xosé María Arias ostenta 8 dos 11 asentos da corporación municipal. A recente reunión entre o rexedor e o presidente da Deputación, Darío Campos, non impediu que Castroverde solicitara xestionar o centro da terceira idade da localidade, coa intención de que comece a funcionar o antes posible.

A máxima autoridade da provincia tentou dar por pechado o caso e non atribuír á decisión máis importancia. Mais o certo é que a medida supón un golpe ao proxecto de rede provincial de residencias, en suspenso polo conflito xudicial con Suplusa, a sociedade do solo que aínda preside Manuel Martínez. A de Castroverde ía supor a estrea deste modelo de xestión da Deputación, que agora terá que ceder os recursos económicos ao Concello.

Que o Partido Popular ía incidir nesta contradicción interna era sabido. O grupo municipal, composto por dúas edís, apoiou a solicitude para recobrar a xestión da residencia. Tamén entrou con forza neste asunto o Bloque Nacionalista Galego, logo de presentar unha solicitude na que pregaban polo diálogo entre o Concello e a Deputación, e negarse a prestar apoio á devolución da xestión.

O voceiro nacionalista en Castroverde, Xosé Gómez, dixo lamentar que “se utilice a residencia como arma arroxadiza entre os diferentes bandos” do PSdeG. O Concello, explicou Gómez, nunca asinou o convenio de financiación coa Deputación, polo que “non existe” a posibilidade de obter recursos alleos, imprescindibles para a xestión do centro.

Xosé Gómez, voceiro do BNG en Castroverde
Xosé Gómez, voceiro do BNG en Castroverde

Das declaracións do representante do Bloque pode deducirse que a petición do grupo socialista responde a un desafío interno, un ataque contra o presidente Campos. Por contra, o alcalde Arias asegura que non lles quedaba outra opción despois de tres anos agardando pola apertura da residencia.

As instalacións contan con permiso de apertura da Xunta, convenio de xestión con Suplusa e concerto económico para a contratación de persoal. As de Pol e Trabada están nesta situación, e as da Fonsagrada, Ribadeo e Ribas de Sil están rematadas a falta doutros requerimentos. A Deputación tenta agora forzar a apertura destes centros, logo de retirar as competencias a Suplusa e recuperar a titularidade dos mesmos.

Arias é claro antagonista da facción socialista con máis poder na Deputación, a besteirista, que controla o aparato da formación. Foi candidato á secretaría xeral do PSdeG na provincia de Lugo, quedando en segunda posición, coa metade de votos dos que recibiu Álvaro Santos, a quen dirixiu fortes críticas. O representante de Castroverde chegou a dicir que o partido “está morto”.

Hai tempo que Arias decidiu aliñarse cos postulados do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. Os contactos do deputado non adscrito céntranse polo de agora no Partido Xudicial de Chantada, onde pretende renovar a súa condición aproveitando a alianza circunstancial entre o rexedor de Chantada, Manuel Varela (ex do PP), e o que fora alcalde de Monterroso, Suso Otero (ex do PSdeG). Sobre a base de Independentes Terras do Asma poderían acadar representación na Deputación.

Se Arias deixará as filas socialistas é complicado de anticipar. O que si semella evidente é a falta de man esquerda do presidente da Deputación. Logo da reunión que mantivo con Arias, non foi quen Campos de disuadilo ou acordar unha saída que non comprometese a credibilidade do goberno provincial. Sen recurso á disciplina interna, a dirección provincial dos socialistas terá que esforzarse por pechar o capítulo das residencias antes de que poida ocasionar máis motíns.

ÚLTIMAS

A Plataforma Ulloa Viva constata en Bruxelas que España non solicitou fondos europeos para a fábrica de Altri

A Plataforma Ulloa Viva concluíu a súa visita a Bruxelas para alertar dos impactos...

A Deputación dotará a 52 concellos de ferramentas tecnolóxicas a través do proxecto Impulsa TIC

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou na Fonsagrada o inicio do...

O BNG promove unha campaña para demandar ao Goberno melloras nas infraestruturas viarias de Lugo

O BNG de Lugo iniciou unha nova campaña para reclamar o arranxo das estradas...

Greenfiber reitera que Altri “non cambiará as condicións do Ulla” e alega que o estudo de Ence “non está actualizado”

Greenfiber, formada pola enerxética Greenalia e a multinacional lusa Altri, reiterou este martes que...