InicioCulturaSábado de estrea en Lugo coa primeira Festa do Barrio da Tinería

Sábado de estrea en Lugo coa primeira Festa do Barrio da Tinería

A ocasión procura revitalizar este histórico barrio de Lugo – Obradoiros, postos, visitas guiadas e música en directo amenizarán a xornada

PUBLICADA O

- Advertisement -

Organizada por Itineris, a Asociación de Empresarios da Tinería, a primeira festa deste icónico barrio protagonizará a vida da cidade dende o mediodía ata a medianoite deste sábado 2 de xuño. A ocasión procura dar pulo a unha zona con moita historia, visibilizar e pór en valor o centro da cidade e recuperar o mellor da Tinería. Se todo marcha segundo o esperado, a cita podería mudar en anual.

Os empresarios da barrio levan tempo tentando atraer a veciños e inversores á Tinería. A este fin contribúen os traballos de rehabilitación con fondos autonómicos e tamén pretende axudar o Concello. A través da Estratexia de Desenvolvemento Urbán Sostible e Integrador (EDUSI), con investimento europeo, o goberno local espera revitalizar a contorna do emblemático barrio.

Agora existe tamén un programa para instalar un viveiro de empresas. O Concello arrendou á Xunta nove locais comerciais cun aluguer anual de 15.000 euros. Dende a alcaldía falan de gran interese pola iniciativa, pois rexistraron máis de 1.100 entradas na páxina para consultar as bases, aberta dende hai unha semana.

Porén, existen críticas a este proxecto. No Partido Popular lucense advirten de que as condicións para acceder a estes locais non son asumibles, polo alto custe de acondicionamento e o prazo máximo de catro anos sen posibilidade de prórroga. Por outra banda, recomendan mellorar os servizos de limpeza e seguridade no barrio.

Postos de produtos galegos, obradoiros e música en directo

Así as cousas, a festa do sábado constará de varias partes e abranguerá das 12.00 ás 00.00 horas. Haberá dende mediodía un mercado de variados talentos, con artesanía, cosmética, gastronomía, moda ou produtos ecolóxicos, todo feito en Galicia. Canda os postos haberá obradoiros infantiles e tamén un concurso de fotografía, e ofrecerase asemade unha visita guiada polo barrio.

No apartado cultural, haberá concertos de Iria Estévez Lúa, con sons de fado, cantiga galega e músicas caboverdianas; a banda lucense Man de Santo, de acento xamaicano; La Penúltima, grupo lucense tributo a Sabina; Gin Toni’s, co popurrí de música española; e Popy García, habitual de Lugo coas súas sesións Tropical, que mesturan funk, jazz e r&b.

Como subliñou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, “a achega das administracións é importante para revalorizar A Tinería, pero tamén a iniciativa social e empresarial”. Por iso convida a que a Festa deste sábado teña continuidade e mude en cita anual.

ÚLTIMAS

Candia esixe ao goberno de Lugo que actúe ante os conflitos que se orixinan nos locais do lecer da rúa Tui

O barrio da Milagrosa de Lugo rexistrou esta fin de semana un novo incidente...

Detido en Lugo un home que quedou cunha menor de idade a través dunha aplicación de citas

A Policía Nacional detivo en Lugo a un home que foi sorprendido o pasado día 3...

Identificados catro almerienses por presuntamente estafar 4.500 a un empresario lucense por Internet

A Garda Civil de Lugo identificou a catro veciños de Almería por supostamente estafar 4.500 euros...

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...