O Concello de Lugo reforzará este ano o dispositivo de seguridade das festas de San Froilán cunha planificación máis detallada dos riscos, un maior despregamento de medios de vixilancia e a incorporación dunha terceira ambulancia para atender as situacións de maior afluencia durante as festas, que se celebrarán do 4 ao 12 de outubro.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a subdelegada do Goberno na provincia, Olimpia López, copresidiron este martes a xunta local de seguridade celebrada no Salón de Plenos do Concello, na que se analizou o operativo especial deseñado para garantir o normal desenvolvemento das celebracións. Na reunión tamén participaron responsables da Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Bombeiros, Servizos de Emerxencias e AXEGA, ademais do concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, e do comisario do San Froilán.
AVALIACIÓN ESPECÍFICA DE RISCOS
Así, unha das principais novidades deste ano será a elaboración, por primeira vez, dunha avaliación específica dos riscos asociados a cada un dos eventos e concertos incluídos no programa. A partir desta análise estableceranse medidas de prevención adaptadas ás características de cada actividade e reforzarase tamén a avaliación do recinto feiral desde antes do inicio oficial das festas.
O dispositivo prestará especial atención ás vías de evacuación do recinto feiral e aos accesos nos puntos con maior concentración de persoas, de acordo coas previsións do Plan de Autoprotección. Ademais, a vixilancia contará cun despregamento de cámaras distribuídas por distintos puntos da cidade para facilitar o control das afluencias e detectar posibles incidencias. O sistema estará conectado a dous centros de control que se irán alternando ao longo das festas. Os días 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro as imaxes supervisaranse desde o camión principal de AXEGA, que funcionará como centro de mando, mentres que durante o resto das xornadas se empregará o Centro de Control Móbil da Policía Local.
As cámaras estarán situadas en puntos como a Praza Maior, Praza do Campo, Rúa Nova, Paseo Vila de Foz, a explanada do Pavillón Municipal de Deportes, o parque Rosalía de Castro, a avenida Alcalde Anxo López Pérez, a Praza de Avilés e a rúa García Portela, ademais dunha unidade instalada no propio camión de mando. Algunhas delas disporán de infravermellos e megafonía. O dispositivo incorporará asemade un Punto de Encontro para menores e persoas desorientadas na Praza de Avilés, xunto á caseta de lactación. Protección Civil instalará a súa carpa na Praza Horta do Seminario e colocará pulseiras identificativas aos menores durante o Día do Neno e nas principais xornadas festivas. O Punto Violeta estará situado en Fernando de Casas Novoa.
TRES AMBULANCIAS
A cobertura sanitaria tamén se verá reforzada cunha terceira ambulancia. O operativo estará activo desde o 30 de setembro ata o 12 de outubro e concentrará os maiores recursos nas zonas de maior afluencia, como Horta do Seminario, o casco histórico, Praza de Avilés, Augas Férreas, Agro do Rolo e San Fiz, especialmente durante as fins de semana e os días principais das festas. Durante a reunión, a subdelegada do Goberno, Olimpia López, destacou a importancia da coordinación entre as distintas administracións e forzas e corpos de seguridade para garantir a seguridade durante unha celebración que atraerá numerosos visitantes.
Tamén apelou á responsabilidade de veciños e visitantes para contribuíren ao bo desenvolvemento das festas. Con este dispositivo, o Concello pretende centralizar a información procedente dos diferentes sistemas de vixilancia e facilitar a coordinación dos servizos operativos e de emerxencia ante calquera incidencia durante o San Froilán.
