Home Lugo e contorna Lugo Candia quere cambiar a relación que había coas asociacións do Arde Lucus ate agora

Candia quere cambiar a relación que había coas asociacións do Arde Lucus ate agora

0
Candia quere cambiar a relación que había coas asociacións do Arde Lucus ate agora
Decenas de persoas participan o desfile de tropas durante a festa Arde Lucus / Arquivo

O Arde Lucus 2027 xa ten data: a vindeira edición da festa de recreación histórica de Lugo celebrarase do xoves 17 ao domingo 20 de xuño de 2027, despois de que as asociacións implicadas na súa organización consensuasen o calendario nunha reunión mantida este martes coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo.

A escolla das datas realizouse durante o encontro mediante unha votación a man alzada, despois de que as entidades analizasen distintas alternativas. O acordo permite poñer en marcha con varios meses de antelación a planificación dunha celebración que en 2027 volverá ocupar catro xornadas no calendario festivo da cidade.

Máis alá do calendario, a reunión serviu para avanzar nun novo marco de colaboración entre o Concello de Lugo e as asociacións do Arde Lucus, co obxectivo de dar continuidade e máis estabilidade ao traballo que desenvolven estas entidades ao longo de todo o ano. O entendemento procura reforzar a súa participación na preparación da festa e establecer unhas bases máis claras para a súa colaboración coa administración local, incluído o financiamento vinculado ás actividades que fan posible o Arde Lucus. Deste xeito, o PP busca recuperar o achegamento entre o goberno e os colectivos, que viviu un momento difícil tras a introdución dun novo modelo de financiamento durante a etapa socialista.

Un dos principais acordos foi a creación do Consello Municipal do Arde Lucus, un órgano que pretende converterse nun espazo estábel de diálogo e coordinación entre o Concello e as entidades participantes. A intención é que as asociacións teñan unha participación máis directa nas decisións relacionadas coa festa e que o traballo conxunto non se limite aos meses inmediatamente anteriores á súa celebración.

A escolla das datas para 2027 constitúe, precisamente, o primeiro exemplo deste novo modelo. As entidades puideron valorar as diferentes propostas e decidir posteriormente mediante votación o calendario definitivo. O Concello pretende así consolidar unha fórmula de colaboración que xa comezou a tomar forma durante a preparación da edición de 2026. A alcaldesa defendeu que as asociacións “deben ter un papel activo” na organización dunha celebración que considera “parte do patrimonio inmaterial da cidade”.

Durante a reunión tamén se formulou ampliar a promoción turística do Arde Lucus fóra de Lugo. As entidades estudarán a posibilidade de participar en FITUR, en Madrid, e en INTUR, en Valladolid, dous dos principais encontros relacionados coa promoción turística. Tamén se puxo enriba da mesa a posibilidade de establecer accións de promoción cruzada con outras cidades que contan con festas de recreación histórica.

O obxectivo é aumentar a proxección exterior do Arde Lucus e atraer novos visitantes, aproveitando o crecente interese turístico que xera a celebración. Para iso, Concello e asociacións pretenden buscar novas fórmulas de difusión e presenza en eventos especializados.

CAMBIO DO SISTEMA DE ALMACENAXE

Outro dos asuntos tratados foi o futuro do local municipal da rúa Díaz Castro que actualmente utilizan as asociacións como almacén. Durante o encontro sinalouse que o inmoble, que dispón mesmo de calefacción por chan radiante, podería destinarse a outros usos de carácter social. As entidades amosáronse de acordo con estudar esta posibilidade, mentres que a alcaldesa se comprometeu a buscar un espazo alternativo para almacenar os materiais antes de que teñan que abandonar o actual.

O Arde Lucus, segundo destacou Candia, é un “patrimonio que se constrúe coa implicación das entidades e da propia cidade”, polo que a súa participación será, ao xuízo do goberno local, “fundamental para seguir facendo medrar a celebración”.

+ posts