A Deputación de Lugo reivindicou este venres a súa aposta pola atención ás persoas maiores e pola consolidación dunha rede pública de residencias de proximidade, especialmente orientada ao medio rural, fronte ao que considera unha “falta de resposta” por parte da Xunta de Galicia, administración competente en materia de servizos sociais e dependencia. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, fixo balance da situación da rede provincial e defendeu que Lugo “necesitaba e necesita” residencias públicas.
Tras facer un percorrido polo estado dos distintos proxectos, abordou directamente a polémica xerada entre PP e PSOE sobre a actualización dos prezos públicos das residencias provinciais, acusando á oposición de xerar unha “confusión interesada” sobre as novas tarifas. Rivera Capón explicou que o prezo establecido por praza é de 2.200 euros, o que cualificou como un “prezo de referencia”, explicando que a nova ordenanza actualiza uns prezos que permanecían sen revisar desde 2018 e establece que a achega de cada usuario determínese en función da súa capacidade económica e patrimonial. “Quen menos ten, menos paga; quen máis ten, máis contribúe”, resumiu.
A Deputación ten en conta para calcular esa capacidade non só a pensión, senón tamén os ingresos e o patrimonio, con medidas de protección para as persoas con menos recursos. Entre elas, os primeiros 10.000 euros depositados en contas bancarias non computan no cálculo establecido pola ordenanza. O custo efectivo dunha praza residencial sitúase en 2.358,75 euros mensuais. Segundo explicou Rivera Capón, a actualización podía exporse mediante unha achega igual para todos ou mediante un sistema adaptado á capacidade económica. “Nós escollemos a segunda opción: un sistema progresivo que protexe máis a quen menos ten”, afirmou.
A xefa do Servizo de Benestar Social e Igualdade explicou os aspectos técnicos do novo modelo e remarcou que ningún usuario asume o 100% do custo efectivo da praza. O prezo de referencia e a cantidade que finalmente abona cada persoa son conceptos diferentes, xa que a achega calcúlase en función da súa situación económica. Segundo os datos achegados, para o 25% dos usuarios a actualización supuxo un incremento inferior a 60 euros ao mes, mentres que para o 50% o aumento foi inferior a 200 euros. Ademais, o cálculo adáptase á evolución da situación económica de cada persoa, polo que non se establece unha cantidade fixa e invariable sobre o patrimonio.
“A intención é que as residencias públicas de municipios como Pol, Trabada ou Pedrafita poidan ser utilizadas tanto por persoas con pensións baixas como por quen dispoñen de maiores recursos, pero sen que todos teñan que asumir a mesma achega”, explicou, engadindo que “queremos que quen máis pode contribúa máis, que quen menos ten estea máis protexido e que ninguén teña que marcharse do seu concello para recibir coidados. Para nós, iso é defender os servizos públicos”.
NOVE CENTROS TERMINADOS E OUTROS NOVE EN MARCHA
Rivera Capón repasou a situación de varios dos proxectos que se atopan actualmente en distintas fases de desenvolvemento. Actualmente, a Deputación dispón de nove residencias públicas en funcionamento, con preto de 400 usuarios, e traballa noutro nove proxectos. Entre 2019 e 2026, a institución mobilizou 47 millóns de euros vinculados á súa rede residencial. En Becerreá, a Deputación impulsou a posta en funcionamento do centro mediante a licitación do equipamento xeral, por máis dun millón de euros, e da cociña industrial, por preto de 460.000 euros.
Na Pontenova, a institución provincial traballa na finalización da residencia xunto con Tragsa e detallou o proceso administrativo derivado dos incumprimentos da empresa. Na Pobra do Brollón, as obras atópanse nos últimos pasos antes da certificación final; en Ourol, a licitación está prevista para os próximos meses; en Cervantes, o proxecto está practicamente terminado, e en Guitiriz a Deputación traballa para retomar as obras. “Non son anuncios: son expedientes, licitacións, obras e investimentos que están a avanzar”, subliñou o deputado.
Respecto da residencia de Folgoso do Courel, Rivera Capón explicou que se pechou un expediente administrativo despois de finalizar o prazo de cesión da parcela á Deputación, lembrando que foi o propio Concello de Folgoso, a través da súa alcaldesa do PP, o que solicitou a reversión dos terreos. O peche do expediente, aclarou, “non significa que desapareza a necesidade dunha residencia para Folgoso”, senón que responde á vontade expresada polo municipio, nun contexto no que, ademais, existe un compromiso da Xunta para construír o centro.
Rivera Capón considerou positivo que a Administración autonómica asuma esa responsabilidade. “A Deputación leva anos facendo un esforzo extraordinario para manter e ampliar unha rede pública de residencias, mesmo nun ámbito cuxas competencias corresponden á Xunta. Agora tamén lle corresponde á Xunta cumprir os compromisos que adquiriu”, sinalou.
