A Xunta de Goberno local de Lugo aprobou, fóra da orde do día, as bases que permitirán tramitar as subvencións destinadas ás asociacións deportivas e ás entidades sen ánimo de lucro que desenvolven actividades nas áreas de Cultura, Educación, Deportes, Infancia e Mocidade. A medida permitirá iniciar a convocatoria correspondente ao exercicio 2025 e ao primeiro semestre de 2026, así como a posterior tramitación das solicitudes e concesión das axudas.
O propio expediente xustifica a urxencia da aprobación pola necesidade de evitar demoras na resolución e no pago das axudas, tendo en conta que estas contribúen ao financiamento dos programas e actividades desenvolvidos polas entidades deportivas. A situación de partida, apunta o goberno local, “está marcada polo ocorrido en 2024”. “A convocatoria das axudas correspondentes a ese exercicio, por parte do anterior Goberno do PSOE e do BNG, publicouse no BOP o 26 de decembro, polo que nin había tempo para presentar a documentación por parte dos clubs, nin tampouco para tramitalas dentro do propio exercicio”, engaden. As novas bases incorporan un incremento da achega municipal. Se habitualmente destinábanse ao redor de 321.000 euros a estas axudas, agora a contía elévase ata os 481.000 euros.
A alcaldesa puxo en valor o esforzo realizado polas entidades deportivas durante este período: “Os clubs fixeron un esforzo moi importante para poder seguir adiante a pesar desta situación, pero entendemos que non é xusto que teñan que soportar as consecuencias dunha mala xestión administrativa. Temos que cumprir cos nosos equipos e coas entidades que cada día traballan polo deporte en Lugo”, dixo a rexedora. O obxectivo é recuperar a normalidade na tramitación das axudas e chegar a 2027 cunha convocatoria ordenada, que permita ao Concello cumprir cada ano co apoio que corresponde ao tecido deportivo da cidade.
RESIDENCIA
Outro dos asuntos tratados foi a concesión dunha licenza para a construción dunha residencia para 115 persoas maiores no barrio de Recatelo, promovida pola empresa Ballesol. A alcaldesa destacou a importancia deste proxecto para a cidade e sinalou que se trata dunha actuación que suporá unha importante intervención no ámbito da rehabilitación e recuperación deste espazo do barrio.
En relación coa construción da pasarela peonil sobre Róldaa República Arxentina, o Goberno local informou de que o pasado 9 de xullo ADEGA presentou un escrito no Concello solicitando determinada documentación relativa a esta actuación. Por deferencia e antes de proceder á adxudicación, na Xunta de Goberno local decidiuse dar resposta á petición de documentación presentada por esta entidade, pondo á súa disposición a información solicitada. A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o patrocinio de Caudal Fest, por importe de 227.000 euros, dentro do apoio municipal a esta actividade
Outros asuntos que se aprobaron na Xunta de Goberno local foron a renovación da comisión de servizos da persoa encargada de augas. Trátase dun posto que se atopa vacante e que leva un ano cuberto temporalmente. Mentres non se resolva a convocatoria para a súa cobertura definitiva, e por razóns de necesidade, proponse dar continuidade a esta cobertura temporal para garantir o funcionamento do servizo. Así mesmo, a Xunta de Goberno Local deu o visto e prace a unha atribución temporal de funcións para o capataz da Brigada Forestal.
