As obras da A-6 na provincia de Lugo están a xerar retencións de varios quilómetros en Becerreá, coincidindo coa operación saída da segunda quincena de agosto. Segundo a información da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a “conxestión” rexístrase durante seis quilómetros da vía en dirección Madrid, desde o punto quilométrico 460.0 ata o 455.3.
A A-6 está cortada nese punto, cun desvío pola N-6, con motivo das obras que realiza en varias fases o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable para a rehabilitación estrutural da autovía entre os quilómetros 407 e 480,5, nas provincias de Lugo e León.
PP DENUNCIA UNHA “CAÓTICA ORGANIZACIÓN”
Pola súa banda, o PP da provincia de Lugo compartiu o “malestar” dos veciños, viaxeiros e transportistas con motivo das retencións e criticaron a “falta de organización e de comunicación do Goberno central cos concellos”. “Non criticamos o que se fai porque, de feito, levamos moito tempo reclamando obras de mellora do firme da A-6 na provincia, senón que criticamos o como, as formas: a falta de organización e, sobre todo, a falta de comunicación do Goberno central cos concellos”, sinalaron nun comunicado os populares da provincia de Lugo.
Así, representantes do PP lucense no Congreso e no Senado pedirán explicacións ao Goberno ante a “mala execución” do plan de mobilidade polas obras de rehabilitación do firme da A-6. Tamén, volveron a reclamar ao Goberno central que revise o dispositivo previsto mentres se realizan os traballos co obxectivo de “evitar novos prexuízos” aos veciños da comarca e aos condutores.
