A Deputación de Lugo iniciou esta semana as obras de rehabilitación da estrada provincial LU-P-2106, que une Friol (LU-934) con Lousado (LU-P-2303) por Cimadevila, unha actuación que supón un investimento de 275.638€ e que permitirá mellorar o estado desta vía ao seu paso polos concellos de Friol e Begonte.
Os traballos comezaron coa limpeza das gabias, unha actuación previa imprescindible para asegurar a correcta drenaxe da estrada e favorecer a conservación do firme antes de executar o resto das intervencións previstas no proxecto. A actuación abrangue o treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,685 e 10,937.
As obras foron adxudicadas á empresa ECOASFALT S.A. por un importe de 275.638 euros. O proxecto contempla unha actuación integral para mellorar as condicións de circulación e seguridade desta estrada provincial. Ademais da reapertura e limpeza das gabias e da execución de obras de drenaxe, realizaranse traballos de saneo da explanada e do firme nas zonas deterioradas, reparación de fochancas e afundimentos, pavimentación e reposición da sinalización vertical. O obxectivo é prolongar a vida útil da vía e ofrecer unha circulación máis cómoda e segura para os usuarios.
Dende a Deputación destacan que esta actuación “forma parte do compromiso da institución provincial por manter en boas condicións a rede de estradas máis extensa de España, unha infraestrutura fundamental para garantir a mobilidade da veciñanza, facilitar a actividade económica e contribuír a fixar poboación no rural”.
As obras teñen un prazo de execución de catro meses, durante os que se poderán producir restricións puntuais ao tráfico para garantir a seguridade tanto dos traballadores como dos usuarios da vía.
PROTECTORA DE ANIMAIS
O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, asinou este mércores, en representación da Deputación, o convenio de colaboración entre a institución provincial, a Xunta de Galicia, o Concello de Lugo e a Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo para levar a cabo a reforma integral das dependencias desta entidade. O acordo, que se formalizou nas propias instalacións, ascende a un investimento total de case 745.000€, financiado a partes iguais polas tres administracións implicadas, o que supón unha achega de case 250.000€ por cada unha delas.
Miguel Fernández avanzou que “hoxe é un gran día para Lugo, para a Protectora, para o benestar animal e é un gran día para os que pasamos anos intentando buscar solucións para a Protectora”. Nese sentido, recordou que durante o seu Goberno “intentamos que a Protectora tivera unhas instalacións acordes ás súas necesidades e fixémolo de varias formas: buscando un novo edificio; redactando un novo proxecto, máis ambicioso e consensuado cos técnicos; tratando de conseguir financiación a través da solicitude de subvencións de fondos estatais europeos”, pero detallou que “había unha serie de discrepancias técnicas” que non o fixeron posible.
