O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou este mércores dos acordos aprobados na xunta de goberno local e destacou o reforzo do servizo de comedores escolares, á vez que recriminou á Xunta por “non facerse cargo” das súas competencias.
Así o sinalou en relación coa a aprobación dunha adenda ao convenio de comedores escolares que permitirá manter o servizo no colexio Fingoi II.
Arroxo criticou a achega da Xunta a este programa e asegurou que a administración autonómica “só financia o 9,38 % dun servizo que é da súa competencia”. Segundo detallou, mentres o Concello destina máis dun millón de euros, a contribución autonómica “limítase a 99.679,80 euros”.
A pesar diso, subliñou que o Goberno local seguirá asumindo o custo “para garantir que ningún neno ou nena quede sen comedor escolar, ao consideralo un recurso imprescindible para moitas familias”.
Na mesma sesión, aprobouse a primeira prórroga do contrato coa empresa Savisu Solucións SL para a xestión dos hortos escolares, unha iniciativa educativa dirixida ao alumnado de educación infantil. As actividades comezarán o próximo 9 de marzo no CEIP Luís Pimentel e iranse estendendo progresivamente ao resto de centros públicos da cidade.
O tenente de alcalde explicou que o traballo nos hortos utilízase como “ferramenta pedagóxica para achegar ao alumnado ao medio natural, fomentar o respecto pola contorna e promover a concienciación ambiental, á vez que se recuperan tradicións galegas vinculadas ao comezo da primavera”.
Por último, a xunta de goberno deu luz verde á ampliación do contrato dos camiños escolares coa incorporación dunha nova ruta no colexio de Paradai, atendendo a unha petición da ANPA do centro. O novo itinerario comezará a funcionar o 2 de marzo e partirá desde a Rolda da Muralla número 77, no cruzamento con cálea Conde, para continuar por Irmán Gómez de Carrero e a rúa Río Sil ata o centro educativo.
Con esta ampliación, a cidade contará cun total de oito rutas repartidas en seis colexios: dous en Albeiros, dous en Paradai e unha en cada un dos centros Casas, Luís Pimentel, Rosalía de Castro e As Mercedes.
MULTA PARA UNHA EMPRESA POLO ATRASO DAS OBRAS DO CENTRO
Na área socialista, os acordos foron presentados pola portavoz, Ana González Abelleira, relacionados con persoal municipal, xestión administrativa e seguimento de proxectos en execución, entre os que destaca a desestimación do recurso interposto por unha empresa polas obras no centro.
O recurso foi presentado pola empresa adxudicataria contra a obra da zona de Santo Domingo e cale Teatro, realizadas por Contratas Vilor, dentro do proxecto Corazón Verde. O recurso estaba relacionado coas penalidades impostas polo atraso na execución dos traballos.
Esta actuación, financiada con fondos europeos, contou cun investimento de 2,6 millóns de euros e un prazo inicial de execución de 10 meses, que foi obxecto de varias ampliacións por diferentes motivos ata fixar como data final o 15 de xuño de 2025. A pesar diso, quedaron varias actuacións sen executar, o que motivou a imposición de penalidades que superan os 31.000 euros.
Entre outros asuntos tratados figura a designación do tribunal calificador para unha praza de psicólogo incluída na oferta de emprego público de 2023, “destinada ao reforzo dos servizos municipais de atención social”, sinalou González Abelleira.
Así mesmo, a xunta de goberno aprobou as bases selectivas de varios procesos correspondentes á oferta de emprego de 2025, co obxectivo de “reducir a temporalidade e mellorar a organización interna do persoal”. Estas convocatorias inclúen unha praza de auxiliar administrativo, unha de técnico medio de xestión, unha de cociñeiro, unha de oficial fontaneiro e unha de albanel.
En materia de recursos humanos, tamén se deu conta do nomeamento de dous funcionarios que ocuparán prazas de celadores en dous colexios públicos do municipio, cuxa toma de posesión producirase nun breve prazo de tempo.
No ámbito da seguridade, aprobouse a renovación da licenza de Appolo, a ferramenta informática empregada para a xestión diaria da actividade policial.
