O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, volverá levar ao Congreso a denuncia dos veciños de Riocaldo, en Begonte, polas “continuas inundacións” que sofre a zona e que, este ano, volvéronse a repetir. “Os veciños volven estar coa auga na porta das súas casas. Volven vivir unhas horas de moita angustia, lembrando o vivido en 2023 e ademais vendo que desde o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non se fixo nada, así como desde o concello houbo deixamento de funcións ao non facer exigencais ao Goberno do Estado para arranxar todas as deficiencias que existen”, lamenta a formación nacionalista nun comunicado.
Ante esta situación, explican, Rego volverá levar iniciativas ao Congreso para que o Ministerio realice as obras necesarias para asegurar que as augas que se acumulan no lado máis elevado da vía férrea e da N-6 teñan “paso suficiente” até a canle do río Ladra, “xa que está demostrado que os pasos existentes son insuficientes”.
Tamén para as obras de limpeza necesarias, non só nos propios pasos, senón no terreo que os rodea que, explican, ao atopar máis elevado na marxe contraria, “impide a evacuación”, ademais de facilitar a súa obstrución durante as crecidas”. “Non é de recibo que isto repítase de ano en ano sen que haxa unha actuación axeitada por parte do Ministerio de Transportes“, concluíu o deputado nacionalista.
