A Deputación de Lugo recuperou a normalidade, tras a elección de Carmela López o pasado mércores como presidenta do organismo provincial, celebrando este venres a primeira Xunta de Goberno, unha sesión que tivo lugar no Pazo de San Marcos e á que asistiron a totalidade dos membros, deixando atrás as últimas sesións, nas que o BNG e algúns deputados socialistas non asistiron, xa que seguían presididas por José Tomé, acusado de agresión sexual.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, dirixiu este venres a súa primeira xunta de goberno, un encontro no que se deu luz verde á adxudicación, por máis de 72.000 euros, dunha máquina de conservación para as estradas provinciais. Diso informou a institución provincial, que sinalou que, mediante este acordo, a Deputación de Lugo poderá dotar ao parque móbil dun remolque tipo góndola de asfalto. Unha ferramenta que se utiliza para transportar o asfalto quente até a obra mantendo a temperatura axeitada, polo que, conforme trasladou a deputación, resulta moi útil nas obras de conservación e mellora de estradas.
En concreto, resultou adxudicataria a empresa Merelle Maquinaria SL, que cun prezo de 72.539,9 euros, terá un prazo de 15 días naturais para entregala desde a formalización do contrato. Carmela López presidiu unha xunta de goberno na que participaron todos os integrantes: o vicepresidente da institución, Efrén Castro; os deputados provinciais Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Miguel Fernández Méndez, Carlos López López, Iván Castro Díaz, José María Arias Fernández e Iria Castro Fernández; así como o Secretario, a Interventora e persoal de Actas.
