A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este venres o San Froilán en Lugo, onde o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, criticou falta de investimento da Xunta na cidade. Arroxo censura que a Xunta “un ano máis, lamentablemente só dá 15.000 euros” para o San Froilán “mentres entrega máis de 3 millóns a festivais privados como Son do Camiño, ou 1,2 millóns euros para o sobriño dun alto cargo do Partido Popular da Coruña”, en alusión a unha sociedade dun sobriño de Miguel Lorenzo.
Mentres, Pontón pon en valor o San Froilán como unha celebración que “reflicte o carácter acolledor de Lugo e a súa firme aposta pola defensa da cultura e a identidade galegas” e ao que considera “unha cita obrigada” non só como política senón a nivel persoal e familiar. A líder nacionalista visitou a cidade acompañada dos máximos responsables do partido na cidade, como o tenente de alcalde, Rubén Arroxo; a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro ou a deputada Iria Castro, entre outros.
Durante a súa visita á cidade este venres, Pontón subliñou o papel que está a desempeñar o BNG no goberno local, onde a formación nacionalista “leva tempo contribuíndo á transformación de Lugo, impulsando a creación de espazos urbanos de calidade, defendendo a nosa cultura e avanzando cara á modernización da cidade”. Pontón asegura que o BNG está a demostrar que Lugo “ten un proxecto de futuro que mellora a vida das persoas” e que se apoia na “confianza no que somos como galegos e galegas”.
Neste sentido, puxo a Lugo como exemplo “da capacidade de transformación que o nacionalismo galego está a impulsar con eficacia e visión de futuro”. Pontón tamén compartiu a súa vinculación persoal coas festas: “É un pracer poder estar un ano máis no San Froilán. Non veño só como portavoz do BNG, senón como unha lucense de corazón. Desde nena, visitar o San Froilán, comer polbo e gozar das atraccións era unha cita imprescindible na miña vida familiar”.
Sobre a edición deste ano, destacou que o San Froilán “simboliza a esencia de Lugo: unha cidade acolledora, integradora e diversa, que defende a súa cultura e a súa identidade, combinando a tradición coa modernidade”. Finalmente, felicitou ao Concello de Lugo, e especialmente á concelleira de festas, “polo excelente traballo realizado para que, un ano máis, o San Froilán sexa unha celebración que reflicte o mellor da nosa cidade e que está a ser un gran éxito”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde Rubén Arroxo, agradeceu a portavoz nacionalista, que “todos os anos se achegue a gozar das festas do San Froilán de Lugo”, das que dixo que “son as grandes festas do outono galego, con días nos que se gozou de grandes citas culturas nas que se puxo en valor a cultura galega, a tradición e os grupos locais, que demostraron a súa calidade e enorme valor”. O responsable municipal asegurou que seguirán traballando para “pór en valor os cambios que se están realizando nesta cidade”.