InicioPolíticaPolémica pola licitación do contrato do Vello Cárcere a pesar dos informes...

Polémica pola licitación do contrato do Vello Cárcere a pesar dos informes de intervención

Elena Candia di que "compromete a viabilidade financeira do Concello e pon en risco os dereitos dos traballadores".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Partido Popular de Lugo, con Elena Candia á cabeza, criticou a decisión do goberno local de licitar o contrato para a xestión, mediación cultural e atención ao público do Vello  Cárcere, que suporá un desembolso próximo ao tres millóns de euros.

“A decisión chega a pesar dos informes desfavorables da Intervención municipal, que advirten de riscos para a sustentabilidade económica do Concello”, explica a popular Elena Candia, que alerta de que se está gastando máis do que se ingresa, “comprometendo a estabilidade financeira futura”.

Segundo detallan os populares, o 16 de xullo de 2025, a Xunta de Goberno Local aprobou o novo prego de condicións. “Con todo, xa o 23 de maio, o interventor emitira un informe no que cuestionaba a redacción dos criterios de valoración. Segundo o documento, os apartados relativos a proxectos de visitas guiadas, dinamización da biblioteca, programación de actividades para o Espazo de Lecer Infantil e o plan de comunicación e xestión de redes sociais non estaban suficientemente definidos, o que puña en dúbida a transparencia da adxudicación“, engade.

A pesar de que o xefe do servizo de Cultura respondeu o 17 de xuño cunha proposta de redacción máis precisa, un segundo informe do 7 de xullo mantivo as obxeccións. “O interventor advertiu de que o novo contrato, cun custo anual de 560.541,18 euros, supón un incremento do 71% respecto ao anterior adxudicado a Alenti Solucións para Eventos S.L. e cuestionou a capacidade da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua para garantir a estabilidade orzamentaria a longo prazo”, explica Candia.

CONDICIÓNS LABORAIS

O proceso de licitación tamén xerou críticas sindicais polo empeoramento das condicións salariais do persoal. Os sindicatos sosteñen que se esixe traballar máis horas cobrando menos. En 2019, o prezo por hora no grupo 1 era de 17,51 euros (sen IVE), mentres que en 2025 baixa a 16,08, a pesar de que o montante global do contrato aumenta debido á ampliación de horas de servizo.

As organizacións, ás que dá voz o PP, denuncian ademais que non se garante a subrogación do persoal, o que podería derivar en despedimentos. Pon como exemplo o posto de recepción, que segundo o prego cubriríase con dúas persoas, cando serían necesarias polo menos tres para asegurar vacacións e baixas laborais. O cálculo, afirman, “baséase nun documento de custos de persoal desactualizado de novembro de 2024, que non contempla a inflación nin a actualización salarial”.

Engade Candia tamén que o incremento orzamentario, apuntan fontes sindicais, beneficiaría principalmente á empresa adxudicataria, xerando un beneficio industrial mentres se recortan dereitos laborais.

O Partido Popular, pola súa banda, criticou duramente a estratexia do PSOE e o BNG. A portavoz popular en Lugo, Elena Candia, asegurou que “apostamos por un modelo de xestión directa do Vello Cárcere, que implique ás institucións académicas de referencia como o Grao en Xestión Cultural, co fin de optimizar as infraestruturas municipais e deseñar unha programación coherente e de calidade”.

ÚLTIMAS

Estabilizado un incendio forestal en Pantón que afecta a unhas 40 hectáreas

A Consellería do Medio Rural informou de que está estabilizado un incendio forestal rexistrado...

O Family Cash pechado ao detectarse unha praga de ratos continuará pechado por orde xudicial

A maxistrada do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo rexeitou este venres a solicitude...

Reabre o supermercado pechado temporalmente por presenza de ratos

O supermercado Family Cash situado no centro comercial de Abella, en Lugo, clausurado temporalmente...

Seguen hospitalizados 3 dos 6 intoxicados con deterxente nunha pulpería de Lugo durante o San Froilán

Tres das seis persoas que tiveron que ser ingresadas a pasada fin de semana...