InicioMovementos sociaisLembrando a Enrique Doval, o lucense que sobreviviu en Mauthausen

Lembrando a Enrique Doval, o lucense que sobreviviu en Mauthausen

O Vello Cárcere, ateigado, rememora en compañía de familiares e amigos o paso deste veciño de Coeo polo campo de exterminio

PUBLICADA O

- Advertisement -

Mauthausen, regreso ao campo da morte. Este é o título dun documental da Televisión de Galicia de carácter atemporal, no que un lucense de nome Enrique Doval Reija guía o espectador polo campo de concentración no que sobreviviu durante máis de catro anos. Doval finou en 1997, mais a cinta volveu proxectarse no Vello Cárcere en presenza de familiares e amigos.

A xuntanza celebrouse co gallo da exposición Francesc Boix, fotógrafo de Mauthausen. Participaron, entre outros, o realizador do documental, Manuel Torrente, un amigo da familia, o sobranceiro Mero Iglesias, así como a prima do protagonista, Pepita Doval, e dúas activistas da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), organizadora do evento, a profesora María Paz Fernández e a voceira da Asociación, Carmen García-Rodeja. Trala proxección, un a un foron retratando a un home aventureiro, industrioso e cun irrefrenable sentido do humor.

Natural de San Vicente do Coeo, Enrique Doval quería máis. Marchou a Madrid, onde lle coincidiu o golpe de estado, e fíxose miliciano para defender a República. Trala derrota, acabou en Francia, tomando novamente armas contra o fascismo na 117.ª compañía. O colapso das forzas aliadas en 1940 levouno a ser deportado ao campo de concentración de Mauthausen, onde o tempo de vida estimado polos captores era de nove meses.

O xornalista Manuel Torrente e a profesora de historia María Paz Fernández | Óscar Bernárdez
O xornalista Manuel Torrente e a profesora de historia María Paz Fernández | Óscar Bernárdez

Mais viviu para contalo. Para contar o réxime de vida inhumano reservado para quenes, coma el, portaban un mono a raias cun triángulo azul e a letra S. En Mauthausen conviviu con checos, franceses ou italianos, ademais dos compatriotas e algún galego coma Joaquín Balboa, de Ourense. Pasaron polo inferno sete mil cincocentos prisioneiros, dos que morreron case cinco mil. A obsesión dun garda co reloxo de Doval permitiulle pasar a formar parte do grupo de traballo das barracas, o que mellorou a súa expectativa vital.

Alí coñeceu o horror do muro das lamentacións, onde colgaban aos reos ata perecer de frío, ou o muro dos paracaidistas, unha parede natural pola que os gardas lanzaban os prisioneiros. Rodeando o campo, alambradas electrificadas e patrullas armadas, para quen quería acabar antes de tempo co sufrimento. Por cada preso abatido, os vixilantes obtiñan un permiso. Os enfermos estaban sentenciados e incluso se perpetraban experimentos de pseudomedicina. Para todos a fin era a mesma: un forno crematorio. A morte industrializada.

Doval e o resto de represaliados levaban a pena con deporte e música, que os alemáns agradecían coma entretemento. No caso do lucense, o humor nunca desapareceu. Facíase o coxo para evitar certos traballos –certamente o feriron en combate, e tivo que ser operado na perna con axuda dunha familia francesa–, e incluso tentou escapar nunha ocasión coa colaboración dun cura. Cando as tropas estadounidenses liberaron Mauthausen, Doval pesaba trinta e cinco quilos.

Mero Iglesias | Óscar Bernárdez
Mero Iglesias | Óscar Bernárdez

Mero Iglesias, compañeiro do agora parlamentario Mini e outrora compoñente de Fuxan os Ventos, foi de sempre amigo da familia de Doval. Con orgullo contou como aquel preso irredento aproveitara a chegada dos americanos para, en compañía duns valencianos, tomar unha tanqueta alemá e decorala coa bandeira republicana, o martelo e o fouciño.

Para Mero, o documental e o testemuño dos familiares debe axudar a concienciar sobre o fascismo, ese mal do que tanto tempo houbo que calar. Da  importancia de retirar o ditador Francisco Franco do seu mausoleo, ou da identificación das miles de fosas comúns que aínda quedan por España. Quixo citar o nome do primeiro exhumado en Galicia, Severino Rivas, fusilado cando era alcalde de Castro.

Pepita Doval | Óscar Bernárdez
Pepita Doval | Óscar Bernárdez

Pepita Doval contou como foi o regreso do seu primo carnal Enrique. A familia o dera por morto e ata celebrara o funeral por el. “Volveu a un lugar no que, en comparación, non había pena”. Ela tiña oito anos, e lembra os pesadelos daquel mozo criado na casa do seu pai. Mais o cariño dos irmáns –Manuel, Josefa e Concepción– e a vontade de Doval foron os vencedores da loita psicolóxica.

Así que Enrique volveu á actividade, a pescar troita, a organizar o gando. Comprou o primeiro tractor que por alí miraron, e gañaba os cartos sacando area do río para a construción. “Sabía gañar e tamen gastar”, comentou Pepita entre os risos do público, nun salón de actos a rebentar. “Ao lado del non había pena”.

Enrique Doval con Joaquín Balboa en Mauthausen
Enrique Doval con Joaquín Balboa en Mauthausen

ÚLTIMAS

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...