O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inauguraron este xoves a nova gaiola de drones situada na vaguada do Campus de Lugo, unha infraestrutura de vangarda que permitirá realizar prácticas de voo nunha contorna controlada e segura.
A Deputación financia a maior parte deste proxecto, que xa está en funcionamento e supón un importante impulso para a formación, a investigación e a calidade docente do Campus Terra. Ao acto asistiron tamén a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Rosa Romeu Franco; o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación, Pablo Rivera Capón, así como profesorado e membros da comunidade universitaria.
A instalación, de 450 metros cadrados e 10 metros de altura, foi deseñada para garantir que durante os voos só os drones estean dentro do seu interior, evitando calquera risco para persoas ou equipos. Esta infraestrutura facilitará a aprendizaxe práctica do alumnado, especialmente dos graos e másteres relacionados coa robótica e os sistemas aéreos non tripulados, como o Grao en Robótica, o Máster en Sistemas Aéreos Non Tripulados (drones) e, en caso de aprobarse, o futuro máster en vehículos autónomos. O reitor Antonio López destacou que “a gaiola reforza a oferta educativa e investigadora do Campus de Lugo” e responde directamente á implantación de novas titulacións. Tamén subliñou o apoio da Deputación, “clave para facer realidade este espazo que mellorará o manexo seguro de drones e servirá tanto ao alumnado como aos equipos de investigación da USC”.
Pola súa banda, José Tomé definiu a infraestrutura como “un exemplo de como se pode pór a tecnoloxía ao servizo da formación, a innovación e o desenvolvemento do noso territorio”, e lembrou que a vaguada, onde se sitúa a gaiola, é unha leira cedida pola Deputación para usos educativos. Destacou, ademais, que “na provincia de Lugo estamos a formar aos profesionais que liderarán a transformación tecnolóxica do mundo rural”, mediante o uso de drones en campos como a agricultura de precisión, vixilancia forestal, prevención de incendios ou conservación ambiental. “Apostamos por un campus útil, conectado coa realidade e cunha universidade pública comprometida co territorio”, concluíu.
INVESTIGACIÓN EN DRONES
“Ademais do seu valor docente, a gaiola representa un salto cualitativo para os grupos de investigación da EPSE, que traballan con vehículos aéreos non tripulados en ámbitos como o control autónomo en contornas complexas, a inspección de infraestruturas ou a análise automatizada de imaxes para detectar erosións en zonas costeiras de difícil acceso”, explican desde a USC.
A instalación permitirá realizar ensaios experimentais en condicións controladas e reproducibles, facilitando a validación de montaxes con drones e a experimentación con tecnoloxías de navegación aérea, visión por computador, control autónomo ou sensorización ambiental. Este novo recurso tamén está ao servizo de múltiples proxectos de investigación nacionais e internacionais nos que participa a EPSE, como INTERREG AEROGANP (Investigación aeronáutica transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal); RURALTXA (Fundación Biodiversidade, 2022-2025); TERMOXYLO (AEI, 2020-2024); TERRA-4 e Xestión Forestal (Civil UAV Initiative); LIFE in Common Land (2017-2022) e VIS4FIRE (Retos INIA, 2018-2021).
A creación da gaiola enmárcase dentro do convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e a USC, mediante o cal a institución provincial achega 370.500 euros anuais para reforzar a excelencia académica e manter o Campus de Lugo como referente universitario no ámbito agroforestal e tecnolóxico. Tomé Roca subliñou que este apoio non é illado, senón que se complementa con outras iniciativas como a cesión de terreos para a nova Facultade de Formación do Profesorado ou a Granxa Experimental de Leite de Gayoso Castro. “Este modelo de campus, innovador e á vez arraigado no territorio, é o que queremos seguir impulsando desde a Deputación”, asegurou.