InicioMovementos sociais“De todos os movementos sociais, o feminismo é o que máis aglutina...

“De todos os movementos sociais, o feminismo é o que máis aglutina e máis forza ten”

Este martes 15 de xaneiro, coincidindo coa xornada de investidura en Andalucía, as consignas do feminismo volven ás rúas de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Preto de setenta asociacións de toda España chaman a saír a rúa este martes en protesta polo acordo de goberno en Andalucía. Os colectivos feministas alzan a voz para defender os dereitos das mulleres perante a ameaza da formación de ultradereita Vox, socio no pacto de investidura de Juanma Moreno. En Lugo, a convocatoria da Plataforma Feminista está fixada para as 19.30 horas diante do Concello, e Ana, integrante do movemento lucense, resume as razóns para a concentración.

Que supuxo o 2018 para a loita feminista?

Aglutinou todos eses anos, que xa son moitos. Non sempre somos as mesmas, sempre hai certo relevo, porque a condición feminina aínda nos ten amarradas: se non temos nenos pequenos, temos xente maior ao noso cargo, e temos as nosas profesións e non sempre podemos adicar ao activismo todas as horas que precisaría, que son moitísimas. É un traballo duro, sempre silencioso, pero absolutamente imprescindible.

Personalmente levo catro anos por aquí, moi activa. Hai graos de actividade, dependendo das circunstancias das persoas. Hai xente noviña que moitas veces nin é de aquí, que estuda, está de paso e colabora cando pode; outras persoas, pola súa idade, son máis favorables a adicar máis tempo. O importante é que aglutinamos e temos unidade fronte aos maiores recortes de dereitos que tivemos nunca, porque parece que imos cara atrás.

8-M en Lugo

Temos moi claro que o noso movemento é único no mundo porque é global, afecta a todo o planeta, e reúne a unha pluralidade inmensa de feminismos. Hoxe en día xa non se pode falar de feminismo en singular, porque hai moitísimos.

A nosa acción está en exemplificar o poder do feminismo contra a regresión que sofremos; se en 2018 nos parecía máis que xustificado seguir reivindicando os dereitos que perdemos en Galicia pola entrada do Partido Popular, agora máis ca nunca, vendo o que se aveciña polo sur, poñémonos a tremer. Vailles pasar o mesmo que nos pasou a nós os últimos anos, co goberno do señor Feijóo.

O discurso reaccionario defende a existencia dunha ideoloxía de xénero. Como combater este argumento?

Mulleres hai tantas como persoas. Non entendemos unha muller como unha persoa que ten un órgano reprodutivo; hai mulleres con pene, mulleres con vulva, e mulleres con ámbalas cousas. Ese é un discurso superado. Muller é quen se sente muller. Dentro dos feminismos tentamos ser o máis poliédricas posibles, estando abertos a colectivos de distintas sensibilidades, LGTBI, transféminas… e aglutinámolos a todos, porque cando o inimigo é o patriarcado, unímonos.

Día do Orgullo LGTBIQA+ en Lugo
Día do Orgullo LGTBIQA+ en Lugo | Óscar Bernárdez

Logo cada un traballa na súa área, sendo compatible con todo o que fai unha muller, porque cando se move unha, móvense todas. Danos igual se é prostituta, xornaleira estranxeira… son distintos feminismos, pero son un só. O que está pasando en Sudamérica con Bolsonaro, coas mulleres ás que lles están arrebatando a terra, é a nosa loita.

Na permanente batalla dialéctica, cuestiónanse termos que semellaban consensuados, coma violencia de xénero. O feminismo ten un compoñente de pedagoxía. 

É moi sinxelo: todo o que non é feminismo, vai en contra nosa. Este partido que nin quero nomear, é digno representante dunha política de ideoloxía, a representación máis rancia da ultradereita, neoliberalismo católico de manual. O capitalismo e o machismo son a mesma cousa, está todo artellado. Defenden a regresión ás cavernas, a que volvamos a ser esclavas, xente de segunda.

E non imos retroceder nin un milímetro, iso teno clarísimo todo o mundo, salvo o Partido Popular, que se relaciona con eles. Retrátanse e o van pagar, a metade da poboación somos mulleres, e aínda que moitas non exerzan os seus dereitos, estamos outras moitas para defendelos.

Ruada do 8-M

Nesta loita que vén de lonxe, canto tempo estaremos a lidar coa ameaza da regresión nos dereitos da muller?

A min gustaríame poder dicir que deixo o activismo mañá, e que todo vaise solucionar. Pero non é esa a realidade, sempre haberá esa ameaza e termos que estar vixiantes. Ben é certo que a sociedade cada vez está máis concienciada; as mozas novas, que parece que vivían noutro século, están espabilando e non van consentir que isto volva atrás. Vexo un panorama de loita para moito tempo.

A austeridade foi o inicio, ou é unha parte máis do problema?

Os recortes son parte importante do problema. Toda política que se fai ten un discurso no que se volve a meter a familia nuclear no centro da vida, relegando ás mulleres a un rol tradicional.

O executivo de Feijóo eliminou as famosas oficinas de I+B, de Igualdade e Benestar; eliminou o programa de resposta xurídica e psicolóxica para o colectivo LGTBI; eliminou os orzamentos do plan concertado de axuda no fogar; tamén o programa preescolar na casa, moi solicitado no rural; cancelou o servizo canguros, abandonou os plans de saúde e atención á muller, subiu as taxas de gardarías e comedores escolares, e reducíronse os programas de acción para a igualdade e promoción das mulleres, as axudas por fillos menores de tres anos, o plan de emprego feminino…

Agora as andaluzas van sufrir isto mesmo, o que as mulleres levamos sufrido en Galicia dende a chegada das políticas neoliberais.

Imaxe da manifestación do 27 de abril contra a sentenza que condenaba á ‘Manada’ por abuso sexual, e non por violación | 8MGaliza

A crise foi a escusa para o desmantelamento.

Utilizouse como escusa para unha batalla ideolóxica, que despreza ás mulleres que queremos outro tipo de vida. Só defenden un sistema patriarcal de vida.

Na proclama da manifestación deste martes 15 de xaneiro aparece o lema Nin un paso atrás contra o fascismo. Será o feminismo o catalizador da loita contra a nova ultradereita?

De todos os movementos sociais, é o que mellor aglutina e o que máis forza ten. Tantas mulleres, tantas diferenzas, e somos capaces de unirnos e posicionarnos fronte a un inimigo común: iso é dun poder impresionante. Xa se viu nas rúas, e verase este ano en Lugo, no que haberá moitas sorpresas.

Aurora Marco: “A sororidade do 8-M diante da desigualdade foi histórica”

ÚLTIMAS

O Goberno inviste 25 millóns de euros para obras na A-6

O Consello de Ministros autorizou este martes a licitación por 25,17 millóns de euros...

Detido en Friol por entrar pola forza na casa dun coñecido, romper mobles e aveños e ameazalo de morte

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Friol a un home de 28 anos que...

Denunciada por falsificar un cartón de discapacitado para poder aparcar

A Policía Local de Lugo identificou e denunciou a unha condutora que facía uso...

Volve este luns ‘Lugo Termal’: descontos en balnearios lucenses para maiores de 50

A Deputación de Lugoabrirá este luns o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa...