InicioCulturaAurora Marco: "A sororidade do 8-M diante da desigualdade foi histórica"

Aurora Marco: “A sororidade do 8-M diante da desigualdade foi histórica”

Apois de media vida adicada a recuperar a historia da muller en Galicia, a prolífica investigadora recolle os seus achados en 'Elas'

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Vello Cárcere fará este xoves ás 20.30 horas unha viaxe reparadora cara o pasado. Aurora Marco presenta Elas, un repaso histórico á vida e a obra das mulleres galegas. A prolífica ensaísta e biógrafa, catedrática xa retirada, adicou gran parte da súa vida a rescatar do esquecemento as vivencias que recolle nesta obra.

O seu papel incansábel materializouse en máis de vinte libros e arredor de douscentos artigos, co recoñecemento de asociacións da cultura e a memoria histórica, incluído un premio Ánxel Fole por Foula e Ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1992). Antes de conferenciar en Lugo, Aurora Marco deixou tempo para atender a LugoXornal.

A investigación recolle quince séculos de historia. Como contaremos o 8-M a vindeiras xeracións?

Ás vindeiras xeracións deberíamos contarlle antes cal foi a historia das mulleres, a nosa historia durante moito tempo. As mulleres estiveron esquecidas da historia de Galiza como aconteceu, por outra parte, en todos os países do mundo. As pegadas da súa presenza na sociedade recubríronse, as máis das veces, co silencio e a ocultación. A súa foi unha historia borrada do discurso oficial ou do ensino académico, de aí a dificultade para reconstruír o que naceu baixo o signo da desmemoria.

Sabemos que son moitas as que a historia non nomeou, porque todo acontecer da humanidade foise contando sen incluilas, porque a historia dos homes era sinónimo da historia da humanidade. Por iso, é necesario reler a historia en clave feminina para rescatar o protagonismo que tiveron e deixar constancia do seu papel no desenvolvemento histórico.

Cando as vindeiras xeracións revisen libros de historia, de literatura, de música, ou libros onde se fale da empresa, do emprendemento, da actividade político-sindical, do que sexa… e vexan que as mulleres estaban ausentes e se había algunhas era con carácter excepcional; cando se enteiren que os dereitos das mulleres non se respectaban, que os seus salarios eran máis baixos; que non accedían a determinados postos e cargos reservados case sempre aos homes; que apenas había reitoras, ou directoras de xornais, poño por caso; cando saiban do asasinato de mulleres por aquilo de “mateina porque era miña”.

Cando saiban todas estas cousas, comprenderán perfectamente o que significou o 8-M, sen necesidade de moitas máis explicacións. Ademais, coas novas tecnoloxías aínda máis desenvolvidas, poderán visualizar ese berro unánime do 8-M. E, xa sabemos, que unha imaxe vale máis que mil palabras. Ese berro, esa forza, esa sororidade, ese clamor diante dun mundo tan desigual foi histórico. As cousas nunca volverán ser como antes.

O ensaio remata co inicio da transición á democracia. Como cambiou o país dende 1975?

Puxen o límite no ano 1975 por dúas razóns que me parecen lóxicas. A primeira é porque, coa morte do ditador, esa data supuxo un punto de partida para a historia das mulleres. Tras as conquistas logradas na etapa da República, chegou o golpe militar do 36 e daquela deu comezo unha dura etapa, ditatorial e patriarcal, que reduciu as mulleres ao cumprimento dunha serie de roles tradicionais, pola que ficaron excluídas dos mecanismos de participación social.

Ademais da morte de Franco, a proclamación do Ano Internacional das Mulleres, o Decenio de Nacións Unidas para as Mulleres (1976-1985), a emerxencia do movemento feminista, o contexto de reformas que supuxo a transición política á democracia, marcaron un fito.

Comezaron, polo tanto, a revisarse, as cuestións relacionadas coa situación e dereitos das mulleres, rexistráronse algúns avances e houbo un aumento moi significativo da participación feminina en diferentes ámbitos. A segunda razón é que, por isto mesmo, o volume esixiría un aumento considerábel de biografías, de 1975 aos nosos días, o que excedería con moito o obxectivo que se propuxo o editor.

Que criterios guiaron a selección biográfica?

Exceptuando o caso de mulleres, digamos, “excepcionais” (Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Maruxa Mallo, Juana de Vega…), que si aparecían recollidas nas enciclopedias, en libros temáticos, e sobre as que hai desde hai tempo numerosa bibliografía, o descoñecemento sobre as galegas abranguía practicamente todos os ámbitos de actuación. Mais elas estaban aí, desde séculos atrás, abrindo espazos, entregándose con paixón ás diferentes actividades que desenvolveron. Había que recuperalas.

Neste volume, ao igual que no Dicionario de mulleres galegas (2007), seguín un criterio globalizador, non elistista: as que denomino mulleres “excepcionais” son importantes –as que acabo de citar e outras destacadas polas súas achegas– e están recollidas en Elas, mais cumpría desprazar un pouco a ollada e deterse, tamén, noutras vidas femininas, inexistentes para os ollos da historia tradicional.

Por iso engadín outras historias de vida de galegas que non están nas enciclopedias, porque o seu traballo e actividades foi fundamental para a economía familiar e a da sociedade en que viviron, ou para a defensa da xustiza e da liberdade. Refírome, por exemplo, ás que desempeñaron oficios (prateiras, tecedeiras, redeiras, costureiras, polbeiras…), ás deportistas, ás sindicalistas e políticas, as guerrilleiras antifranquistas… Mulleres que deixaron a súa pegada e que estaban totalmente esquecidas. Ademais deste criterio primordial na elaboración de Elas, procurei recoller traxectorias de todo o territorio galego.

Que hai de Lugo entre as historias destas catrocentas mulleres?

Hai moito. As lucenses, da propia cidade e da provincia; ou as que residiron en Lugo e deixaron a súa pegada; ou as que naceron aquí, circunstancialmente, e residiron durante algún tempo; ou mesmo as que en momentos de dificultades encontraron apoio e viviron clandestinamente en diferentes domicilios da cidade… A todas elas dedico o seu espazo. Claro é que uns perfís biográficos son máis completos que outros porque a información á que accedín tamén é desigual.

Reservo para o momento da intervención no Vello Cárcere algunhas historias de vida mais non teño inconveniente en citar algúns nomes que aparecen en Elas, de Lugo e provincia, insisto: Sancha Pérez, Magdalena Pereiras, Manuela Escamilla, María Reguera Leal, Antonia Ortiz Currais, Asunción Montes, Inés Ribadeneira, Maruxa Mallo, Julia Minguillón, Cándida Casas, Felisa Fernández, Mª Ignacia Ramos Díez, Ángela Pardo, Antonia Díaz Pérez, Carmen Rodríguez Nogueira, María Tarsy Carballas, Maruxa Villanueva, Elena Souto Carro… Hai máis…

Son moitos anos loitando contra a nosa desmemoria. Como investigadora, cal foi o maior desafío? 

Pos si. Moitos anos. No ano 1984 fixera un primeiro traballo sobre as mulleres escritoras que se publicou na revista Grial mais realmente a busca sistemática comezou a finais dos 80. Centreime primeiro nas mulleres relacionadas co mundo das letras e da educación porque a miña área de especialización foi a lingua e a literatura galega e traballei nunha facultade de educación. Así foron vendo a luz As precursoras. Achegas para o estudo da escrita feminina (1993); Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002), a edición de Áurea Lorenzo Abeijón, Queixas (2004). Estes traballos abranguían só o século XIX e parte do XX, chegaban a 1936.

Despois virían outros traballos, sen delimitación temática, máis globalizadores e con outros criterios e cronoloxía (desde as orixes a 1975): Dicionario de mulleres galegas (2007), e Elas (2015). E traballos específicos sobre as mulleres represaliadas: Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011) e a edición de María Teresa Alvajar, Memorias dunha republicana (2012).

O maior desafío foi, xustamente, comezar a buscar información sobre as resistentes antifranquistas, as guerrilleiras, xa que apenas había nada. Non sabía por onde comezar porque, excepto Enriqueta Otero Blanco e unha ou dúas máis, non había fontes en que apoiarse. E, nalgúns casos, cando se falaba de mulleres que estiveron naquel movemento de resistencia aparecían nomes sen apelidos, o que dificultaba a investigación.

A lagoa informativa sobre elas era case total. O que acontecera na década dos 40 e comezos dos 50 gardábase na memoria familiar e colectiva, estaba gardada entre os muros das casas… Dediquei arredor de catro anos a percorrer aldeas, vilas, serras, na procura de información e de imaxes e teño que recoñecer que, malia as dificultades, foi un traballo moi gratificante. Hoxe volvería facelo, sen o dubidar.

– É Elas a fin, ou o punto de partida?

Un punto de partida, non. Como acabo de comentar, levo moitos anos dedicada a recuperar historias de mulleres galegas, de diferentes ámbitos, orixes e condicións. E os froitos do meu labor investigador e do traballo de campo que tiven que facer en moitos casos, aí está, nos libros e en ducias de artigos espallados por revistas e por actas de encontros científicos. Se non é punto de partida, moito menos é a fin. De ningunha maneira. Estou xubilada das aulas mais sigo investigando e cunha actividade pública moi intensa neste campo. Agora mesmo estou preparando outro libro, penso que necesario, para coñecer máis e mellor mulleres ben importantes para a historia de Galiza. Agardo que saia este ano.

ÚLTIMAS

Denuncian o estado ruinoso dunha ponte medieval, paso de peregrinos

Alertados por uns veciños, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de comunicar á...

Descubrindo o cemiterio de San Froilán

Os cemiterios son unha desas infraestruturas que resulta imprescindible para calquera cidade. Cada vez os...

(Vídeo) Así quedou unha mámoa protexida en Navia de Suarna, cun gran buraco de case medio metro de profundidade

As asociacións solicitan ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que se realice unha...

O BNG insta o Senado a rexeitar o proxecto de Altri tras o “clamor social” manifestado en Palas de Rei

A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá esta semana unha moción no pleno da Cámara...