A Audiencia Provincial de Lugo absolveu a dúas mulleres, nai e filla, que estaban acusadas de estafar á que era nai e avoa de ambas, respectivamente, para facerse cun total de 16.500 euros no ano 2013. Considera a sentenza que non hai probas concluíntes de que se apropiasen dese diñeiro “para o seu propio beneficio”.
A acusación, que pedía para cada unha dous anos de cárcere e multa de 2.400 euros, ademais da reintegración do diñeiro, relatou no xuízo que a vítima, de idade avanzada, tiña problemas de memoria e que, pola confianza do vínculo familiar, fixo dúas retiradas de diñeiro, unha de 12.000 euros e outra de 4.500, para darllo ás acusadas, que se ocupaban do benestar da muller aínda que vivía soa na súa casa.
Engadían tamén que os 12.000 euros foron entregados ao fillo e irmán de ambas para compensar a avaría do seu tractor. Foi outra das fillas da falecida, coa que había rifas familiares, a que denunciou os feitos. A acusación tamén defendeu o feito de que as dúas mulleres xulgadas acudían con ela ao banco e que mesmo una delas chegou a asinar falsamente un documento bancario para xustificar unha das retiradas. A situación da anciá, xa falecida, foi descrita pola acusación como de abandono e de “desamparo grave”.
Sobre isto, o tribunal considera probado, no primeiro documento, a autenticidade da firma da titular, tras a pericial caligráfica realizada. Pero, con respecto á firma doutra documentación adicional, a proba concluíu que non era a da anciá, pero tampouco podía concretar que pertencese a unha das dúas investigadas.
As dúas acusadas defendéronse asegurando que nunca acudiron ao banco coa anciá e que non existía ningún problema de deterioración psicolóxica nin estaba mal atendida. A sentenza recolle tamén que os traballadores do banco, que estiveron presentes nas dúas retiradas de efectivo, “deron fe de que a titular da conta era a persoa que retiraba o diñeiro”. Ademais, outra das testemuñas declarou que a muller adoitaba ir ao banco acompañada da súa neta, polo que non queda probado, a xuízo da Sala, que “a súa filla a acompañase ao banco”.
Segundo subliñan os maxistrados, tampouco existen probas “de que as acusadas se apropiasen do diñeiro para o seu propio beneficio nin resulta clara a existencia de engano previo”. A Audiencia non considera acreditado tampouco que “tales retiradas de diñeiro fosen realizadas para satisfacer as necesidades persoais da anciá, pero como non necesariamente iso significa a concorrencia de delito”, procedeu á absolución das acusadas.