Pose denunciou a situación logo do balance do 2018 no sector lácteo na comunidade, onde o prezo medio durante o pasado ano situouse en 30,20 céntimos por litro de leite, fronte aos 31,26 pagados de media en España. Así, no exercicio mantívose a tendencia de peche de explotacións dun cinco por cento anual, con 420 granxas de leite que concluíron a súa actividade, o que sitúa o número de explotacións por baixo das 7.600 na Comunidade galega, segundo os datos de UUAA.
“Xa non só é producir a perdas, senón que os que estamos nas explotacións temos que cobrar, e deberiamos ter un soldo mínimo”, manifestou Pouse. “Iso non se consegue a día de hoxe na maior parte dos casos”, abundou.
Aposta por un “salario mínimo” para os gandeiros
Sobre esas perdas, o dirixente agrarista estimou que “se deixou de cobrar con respecto á media de España doce millóns de euros”, respecto de se Lugo cobrase o litro como o prezo medio español durante 2018. Pero aínda é maior ese “agravio”, segundo explicou, se o cálculo se realiza coa media europea. Ata 47 millóns de euros ingresarían adicionalmente as explotacións de Lugo nese caso.
A maiores, do prezo do leite, sinalou que nos dous últimos anos houbo “unha recuperación moi importante do prezo da manteiga, da graxa, e isto non repercutiu nas explotacións para nada”. Detallou que en Lugo, no último ano, “as industrias facturaron 57 millóns de euros máis pola graxa, a maiores do prezo do leite”, algo que, segundo UUAA, non se viu reflectido nas explotacións gandeiras.
Así impacta a tecnoloxía na gandería de vacún de leite