InicioSociedadeUns 50 refuxiados protestan na rúa pola expulsión de dous migrantes do...

Uns 50 refuxiados protestan na rúa pola expulsión de dous migrantes do centro de Monterroso

Ven unha "represalia inxusta" nunha expulsión que o delegado do Goberno explica polo incumprimento das normas de convivencia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Medio cento de refuxiados abandonaron o centro no que permanecen acollidos en Monterroso e saíron á rúa a última hora deste luns para solidarizarse con dous dos seus compañeiros migrantes que foron expulsados pola ONG Rescate, organización que xestiona o dispositivo. Segundo explicou o delegado do Goberno, Pedro Blanco, en declaracións aos medios este martes, a expulsión débese ao incumprimento dunha serie de normas internas, “de convivencia”.

“Creo que neste momento hai absoluta tranquilidade. Este tipo de cousas sempre adoitan pasar cando hai moitas persoas convivindo. Por tanto, creo que non hai ningún tipo de problema neste momento. É unha aplicación xusta das normas de convivencia”, asegurou. Respecto da alternativa habitacional, o delegado lembrou que se trata dunha acollida e, por tanto, “gozan de absoluta liberdade deambulatoria”. “Non están detidos, nin moito menos”, sinalou.

EXPULSIÓN “INXUSTA” E “REPRESALIA”

Con todo, os mozos consideran a expulsión “inxusta” e unha “represalia” pola protesta que levaron a cabo a semana pasada, cando se encerraron o hotel no que residen durante varias horas para denunciar os “malos tratos” que sufrían. Naquel momento, o Goberno enviou a un representante para que mediase no conflito, que o propio delegado do Goberno asegurou que se resolveu e que se debía a “problemas de convivencia”.

Unha semana despois, os dous migrantes expulsados foron acollidos nun local por veciños do municipio, mentres que os demais refuxiados que saíran coas súas cousas do centro en solidariedade cos seus compañeiros volveron ao hotel por mediación dos propios expulsados. Dijibril, un dos expulsados e portavoz nas protestas, explicou como se produciu a expulsión, denunciando que cando volveron do curso de formación ao que acoden en Lugo xa lles dixeron que non podían pasar.

Relata que a ONG lles culpa das protestas da semana pasada, e de aí a expulsión. “Dixéronnos que por ese motivo non podiamos estar no centro”, afirma. Agradeceu ademais o apoio e agarimo dos veciños, que se solidarizaron con eles desde o principio, e que tentaron mediar coa ONG este luns tras a expulsión. “Estiveron aí fóra connosco, baixo a choiva”, sinalou.

Respecto das reunións da semana pasada, lamentan que o representante se centrase nos portavoces para “solucionar” o problema, ofrecéndolles diñeiro para marcharse do centro, e non en “solucións de verdade”, co cento de refuxiados. Entre as súas reclamacións están a falta de asistencia sanitaria e de comida. Como exemplo disto, Dijibril conta que o responsable da formación de Lugo foi en diversas ocasións comprarlles comida porque van aos cursos sen comer. “Entón preguntámonos, cal é o traballo da ONG?”, inquiere.

Aínda que insiste en que eles non levaron a cabo ningunha agresión nin acto de violencia, acepta que non poidan volver ao centro, pero si pide que lles faciliten algún tipo de asesoramento para seguir pendentes das súas solicitudes de asilo. “Porque se non fóra pola xente de Monterroso, non saberiamos que facer”, comenta. Desde o inicio do conflito, a ONG non quixo facer declaracións.

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo aproba a creación da residencia de maiores en Becerreá

O pleno da Deputación de Lugo deste martes foi escenario dun novo un cruzamento...

Identificadas 40 persoas e incautada droga e unha arma en varios locais nocturnos de Lugo durante un operativo policial

Axentes da Policía Local e da Policía Nacional realizaron unha redada en varios locais de lecer nocturnos de...

A Feira do Butelo da Fonsagrada pon en valor o sector cárnico galego

A XXVIII Feira do Butelo da Fonsagrada celebrouse este fin de semana reunindo a máis de 60...

Dúas persoas resultan feridas nunha colisión en Cospeito

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre dous vehículos na LU-113...