InicioPolíticaPaula Alvarellos e Miguel Fernández, nas quinielas para suceder a Lara Méndez...

Paula Alvarellos e Miguel Fernández, nas quinielas para suceder a Lara Méndez na Alcaldía de Lugo

Lara Méndez deixa a alcaldía motivada por un adianto electoral "partidista" para defender Lugo "desde outro ámbito"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este luns a súa decisión de renunciar á alcaldía da cidade para concorrer nas listas do PSdeG aos comicios do 18 de febreiro forzada, dixo, por un adianto electoral que “obedece a criterios partidistas” e para formar parte do proxecto “gañador, urxente e necesario” de José Ramón Gómez Besteiro.

O anuncio produciuse no marco dunha rolda de prensa convocada na sede da Agrupación Local do PSOE, na que a alcaldesa estivo arroupada por todos os concelleiros do seu partido, e algunhas horas antes da celebración da reunión da executiva socialista provincial.

“O adianto de eleccións non o decidimos nós, obedece a uns criterios partidistas e electoralistas, non obedece ás necesidades de Galicia. Dou o paso porque neste momento podo facer un labor importante para Lugo desde outro ámbito. Os meus obxectivos van seguir sendo os mesmos“, manifestou.

Méndez, á fronte do Executivo municipal desde o ano 2015, asegurou tomar a decisión –que chega tras consumirse tan só oito meses do seu terceiro mandato— tras manter “conversacións” co candidato do PSdeG á presidencia da Xunta e consciente de que o seu proxecto constitúe unha alternativa ao Goberno “cortoplacista” de Rueda que, precisou, está “a asfixiar” Lugo.

As políticas do PP na Xunta de Galicia levan moitos anos prexudicando a esta cidade e a esta comunidade autónoma. Nestes 15 anos non avanzamos absolutamente nada”, manifestou Lara Méndez, para acto seguido defender a candidatura “gañadora” de Besteiro como a única vía posible “para poder seguir avanzando e transformando Galicia”.

NOVE ANOS NO GOBERNO

A aínda alcaldesa de Lugo, que se comprometeu durante a súa intervención a reparar algunhas das “débedas históricas” da Xunta coa cidade –“como o Plan Paradai, a Rolda Leste, o cuartel de San Fernando ou a zona de baño pública”, enumerou– renunciará ao longo dos próximos días á alcaldía e á súa acta de concelleira.

Ao facelo, a que foi a primeira muller alcaldesa na historia de Lugo tras 12 anos traballando como concelleira en Cervo e oito ostentando o cargo de vicepresidenta da Deputación Provincial, porá fin a case nove anos de goberno á fronte do Executivo municipal.

“Durante todos estes anos prioricei esta cidade por encima de todo, mesmo da familia, e o meu compromiso é o de seguir traballando por Lugo para desbloquear desde o Parlamento os grandes proxectos desta cidade”, asegurou Lara Méndez, visiblemente emocionada.

UNHA SUBSTITUCIÓN “CONTINUISTA”

A identidade da persoa encargada de tomar a substitución de Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo é aínda unha incógnita, aínda que os nomes da concelleira de Urbanismo e portavoz socialista, Paula Alvarellos; e do deputado provincial e concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Miguel Fernández –número dous da lista– parten con clara vantaxe.

CRÍTICAS DO PPdeG

Pola súa banda, o PP de Lugo acusou á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, de “antepor as súas metas persoais e políticas” despois de que anunciase que abandonará o bastón de mando que ostenta desde 2015 para ser o número dous da lista do PSOE por Lugo nas próximas eleccións autonómicas do 18 de febreiro.

Nun comunicado emitido este luns, os populares lugueses manifestan o seu respecto á decisión de Méndez de abandonar a política local, o que interpretan como unha mostra de que pretendía usar o concello “como trampolín para facerlle oposición á Xunta no canto de gobernar para os veciños de Lugo”.

ÚLTIMAS

San Froilán 2025 amplía o seu cartel con novos artistas nacionais e internacionais

A área de Cultura do Concello de Lugo fixo pública esta mañá de luns...

Un peregrino ebrio acaba ferido nun bar de Sarria tras romper un cristal coa cabeza

Un peregrino de nacionalidade inglesa resultou ferido na tarde do domingo en Sarria despois...

A Deputación de Lugo triplica o orzamento das axudas do programa ‘O que non arde’

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo acaba de abrir un novo prazo para...

O PP de Lugo acusa o goberno local de atrasar 214 días un expediente sancionador contra o Pub Las Palmeras

O grupo municipal do Partido Popular volveu reclamar este luns ao Goberno local unha solución...