InicioCulturaUn estudo sinala que o futuro do galego podería estar na cidade...

Un estudo sinala que o futuro do galego podería estar na cidade de Lugo

O freo na substitución do galego polo castelán nos xoves podería gardar o segredo da conservación do idioma de noso

PUBLICADA O

- Advertisement -

En datas recentes, os medios irmáns da provincia publicamos unha serie de informes que resaltan a fortaleza do galego en Lemos, na Mariñae na Montaña. Os datos destas zonas son representantes dos máximos do idioma de noso, mais os estudos da Real Academia Galega coas firmas de Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo e Martín Vázquez gardan importantes conclusións para a cidade de Lugo, na que se sinala un patrón que debería promoverse noutros contextos.

En primeiro lugar, hai que ter en conta as diferencias significativas entre os hábitats das sete grandes urbes galegas. Atopar paralelismos entre perfís tan distintos é complicado, mais cómpre resaltar que Lugo e Compostela son as cidades nas que a porcentaxe de persoas que falan maioritariamente galego é superior. En comparación, a situación oposta é a da Coruña, Vigo e Ferrol, de maior a menor. O que fai única á cidade amurallada é que a lingua que aprenderon a falar os seus habitantes é fundamentalmente galego: un 65 por cento, sensiblemente por enriba da media galega, que é do 49 por cento.

Lingua habitual nas sete cidades galegas | Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013

En total, o 64 por cento dos lucenses aprendeu a falar en galego ou tanto en galego coma en castelán, un novo exemplo das grandes diferenzas sociolingüísticas entre as zonas máis poboadas. Tan só o 31 por cento dos lucenses aprenderon a falar en castelán, porcentaxe que contrasta co 54 por cento de Vigo. Contextualizado, o uso do galego en Lugo diminuiu algo máis de catro puntos porcentuais entre 1992 e 2013; o cal quere dicir que «as prácticas lingüísticas mantivéronse bastante», apuntan os autores, pois perdeuse un 8 por cento de galegofalantes fronte a perdas do 40 por cento en Ferrol.

Ollando cara o futuro, saliéntase que na xente nova (de 5 a 14 anos) os usos habituais do galego están próximos ao cincuenta por cento na área de Lugo, aínda que na cidade é a metade. Aliás, Monteaguro, Loredo e Vázquez sinalan que «o importante non é a tendencia a diminución nas prácticas lingüísticas», pois é unha tendencia xeral en Galicia, «senón o feito sorprendente» que está a suceder na área urbana de Lugo: a estabilidade do uso do galego en xente nova.

«Despois dun proceso de substitución do galego polo castelán, este proceso ralentízase para as persoas entre 5 e 30 anos». O freo no proceso de substitución en Lugo «ten o polo oposto en cidades coma Vigo». É por iso que a recomendación dos autores é «coñecer o que está a pasar» nesta área para despois «promovelo noutros contextos». O futuro do galego podería pasar pola cidade de Lugo.

Monteagudo, H., Loredo, X., & Vázquez, M. (2016). Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-2013. A Coruña: Real Academia Galega. Retrieved from [https://academia.gal/publicacions-publicacions-de-lingua]
Loredo Gutiérrez, X., e Monteagudo Romero, H. (2017). La transmisión intergeneracional del gallego. Comparación con el catalán. Treballs de Sociolingüística Catalana, 27, 99–116. [http://doi.org/10.2436/20.2504.01.127]

ÚLTIMAS

Tomé dá por resolta a crise no PSOE de Lugo: “Foi unha situación insólita”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia xa é Ben de Interese Cultural

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que se celebra en Lugo este domingo,...

O alcalde de Lugo Miguel Fernández toma as rendas do PSOE local

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, foi elixido secretario xeral do PSOE local, en substitución da edil...

O PP de Lugo reclama explicacións a Tomé pola “maior crise de goberno” na Deputación

O Partido Popular de Lugo esixiu explicacións ao presidente da Deputación, José Tomé, ante...