InicioPolíticaA Deputación de Lugo destaca que os orzamentos para 2024 soben un...

A Deputación de Lugo destaca que os orzamentos para 2024 soben un 3% en política social

O presidente da Deputación comprometeu unha partida de 11 millóns de euros para velar polo correcto funcionamento das nove residencias de maiores que operan na provincia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo presentou este martes un proxecto orzamentario de máis de 116 millóns de euros para o ano 2024. Unha partida “realista, útil e profundamente social” enfocada, dixeron, a “promover a actividade económica e o progreso” e “fixar a poboación no rural”.

O presidente da institución, o socialista José Tomé, foi o primeiro en tomar a palabra no acto de presentación e destacou o “peso específico” das políticas sociais, que acapararán unha terceira parte do total dos fondos cun investimento un 3% maior que no exercicio anterior, nos novos orzamentos.

Uns orzamentos, incidiu o líder provincial, “aprobados en tempo e forma” por quinto ano consecutivo, que experimentan unha subida do 5,32% con respecto ao ano en curso e que serán sometidos a debate para a súa aprobación no pleno do próximo 28 de novembro.

Tomé, que manifestou que cunha execución media do 85% do orzamento a Deputación de Lugo sitúase “á cabeza” das administracións provinciais de toda España, insistiu no feito de que “un goberno serio e útil é aquel que cumpre o que promete”. “Facemos ademais o traballo que non fai a Xunta, que non está nin se lle espera”, declarou.

Así mesmo, o presidente da Deputación comprometeu unha partida de 11 millóns de euros para velar polo correcto funcionamento do nove residencias de maiores que operan na provincia e para “seguir avanzando”, explicou, nos outros nove proxectos residenciais programados para 2024.

Tamén trasladou o seu compromiso o líder provincial coas políticas de creación de emprego –ás que destinará catro millóns de euros do orzamento anual– e a educación pública, á que reservará tres millóns da partida do ano próximo.

O plan de cooperación cos concellos, “eixo vertebrador”, recoñeceu Tomei, de todo “o proxecto orzamentario” recibirá unha inxección económica de máis de 21 millóns de euros; mentres que 20 millóns serán destinados á creación de nova obra e a “conservación e mantemento da rede de estradas provinciais”; e algo máis de 11 millóns quedarán reservados para o apoio aos “sectores produtivos” e as “actividades estratéxicas”.

AS ÁREAS DA VICEPRESIDENCIA

Tras a intervención de José Tomé, foi a quenda da comparecencia do vicepresidente da Deputación, o nacionalista Efrén Castro, que deu conta das partidas orzamentarias reservadas para as áreas que xestiona o BNG como parte da coalición de goberno.

Castro, que tamén denunciou o “abandono de funcións da Xunta de Galicia” en materias que son, dixo, da súa competencia, revelou que o gasto destinado á área de Cultura será de algo máis dun millón de euros para a programación de actividades culturais; de 950.000 euros para o apoio ao tecido asociativo da provincia; e de tres millóns de euros reservados para a rede museística.

A área de Deportes, do que a Deputación Provincial é o “principal sostén económico”, manifestou Efrén Castro, recibirá 4,1 millóns dos orzamentos; mentres que algo menos dun millón e medio quedarán reservados para Artesanía e Deseño; e 1,8 millóns para Medio Rural, Mar e Mocidade.

ÚLTIMAS

Acepta 10 anos de prisión por dúas violacións, pero só cumprirá seis meses antes de ser expulsado do país

Un home de nacionalidade colombiana confesou este xoves na Audiencia Provincial de Lugo ser...

Detido en Lugo por apuñalar a outro home tras unha discusión na rúa

A Policía Local de Lugo detivo a un home por apuñalar cunha navalla a...

Toma posesión a nova presidenta da Audiencia Provincial de Lugo

A maxistrada Sandra María Piñeiro Vilas tomou este xoves posesión como presidenta da Audiencia...

A Policía detén dous homes por presunta violencia machista en dous días consecutivos

A Policía Local de Lugo detivo o domingo e o luns a dous homes...