Home Lugo e contorna Rescatan o corpo sen vida dun home perto da ponte nova na N-540, sobre o río Miño

Rescatan o corpo sen vida dun home perto da ponte nova na N-540, sobre o río Miño

0
Rescatan o corpo sen vida dun home perto da ponte nova na N-540, sobre o río Miño
Vehículo da Policía Nacional en Lugo

Os Bombeiros rescataron do río o corpo dun home nas proximidades da ponte nova da N-540 en Lugo.

Segundo informou o 112, na zona activouse un operativo coordinado polas forzas da orde despois de recibir o aviso dun alertador particular.

O servizo tivo constancia do sucedido a través dos axentes da Policía Local, dez minutos despois das 10,30 horas. Un particular contactara con eles para informar de que pensaba que unha persoa acababa de caer ao río desde a ponte nova da N-540.

De inmediato, activouse un amplo operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes da Policía Nacional, da Garda Civil e da Policía Local, os Bombeiros e os voluntarios de Protección Civil de Lugo.

Foron os Bombeiros, que rastrexaron a zona a bordo dunha embarcación, os que localizaron o corpo nas augas do río Miño. Pola súa banda, os servizos sanitarios, desprazados en ambulancia, confirmaron finalmente o falecemento do implicado.

Nestes momentos, as forzas da orde investigan as circunstancias do suceso.

+ posts