Axentes da Policía Local trasladáronse nas últimas horas en Lugo á Praza Maior tras refuxiarse na igrexa dos Pais Franciscanos un home ao ser ameazado por outro cun pau.
Os policías entrevistáronse, segundo recolle o parte de incidencias, con ambos os homes sen que se puidese localizar o pau que puido ser utilizado nunha discusión que foi polo uso do lugar para pedir esmola.
Ademais, o martes varios operativos desprazáronse ao parque infantil de Paulo Fabio Máximo porque unha persoa que pasaba a noite no lugar impedía o uso normal do mesmo, chegando a ameazar a quen lle requiría abandonar o parque. Aínda que inicialmente mantivo unha actitude hostil e desafiante cara aos axentes, finalmente ausentouse do lugar.
Xa na tarde do luns, día 14, sobre as 19,15 horas, os axentes trasladáronse á rúa Ruiseñor por unha moza que causaba danos no portal. A moza alterouse mentres mantiña unha conversación telefónica no interior dun local de hostalaría e, ao ser advertida de que molestaba ao resto de clientela, rompera o vaso da súa consumición contra as mesas da terraza, sen resultar ningunha persoa ferida.
A moza foi localizada no interior dun establecemento próximo e, mentres era identificada, tentou autolesionarse, motivo polo cal foi suxeitada polos axentes ata a chegada dos servizos sanitarios que foran requiridos e que prestaron unha primeira asistencia á muller.