A presidenta provincial do PP, Elena Candia, mantivo a primeira reunión cos deputados elixidos polos concelleiros populares nos distintos partidos xudiciais de Lugo para conformar o grupo do PP na Deputación de Lugo o próximo mandato, no que Antonio Ameijide será o portavoz.
No encontro, do que informou o PP de Lugo nun comunicado, fíxose balance dos resultados obtidos nas eleccións locais do 28 de maio, nas que sinalan que o Partido Popular foi “o claro gañador” tanto en “número de votos como no que se refire a os concelleiros conseguidos”. Uns resultados que, a efectos da Deputación, tradúcense en 12 deputados para o PP, dos 25 que integran a corporación provincial.
Na reunión tamén se deu a coñecer que o portavoz popular na Deputación será o lucense Antonio Ameijide, e desempeñará a primeira viceportavocía Carmen José López e, a segunda, Demetrio Salgueiro. Os populares destacaron que o PP foi a primeira forza política en 41 dos 67 concellos (61%) e é a forza política que máis creceu en número de edís ata alcanzar os 351, 21 máis que no ano 2019.
Concretamente, indicaron que os populares separaron en máis de 30.000 á segunda forza cunha vantaxe de máis de 15 puntos porcentuais e en case 55.000 á terceira, o que supón máis de 28 puntos porcentuais. Na mesma reunión, trazáronse as grandes liñas da folla de ruta que seguirá o grupo provincial do PP ao longo do mandato que empezará o próximo día 30, coa conformación na nova corporación.
O obxectivo principal é impulsar, desde a humildade e o traballo intenso e rigoroso, as políticas e as medidas que máis beneficien aos lucenses, sinalaron. Ademais, noutro comunicado remitido aos medios, os populares informaron de que Luís Fernández Guintián, de Sober, foi elixido deputado provincial por unanimidade dos edís no partido xudicial de Monforte de Lemos.