Comeza na Deputación a negociación dos Orzamentos de 2019

O grupo socialista conserva todas as bazas para acadar os apoios necesarios para aprobar as contas no pleno de novembro

O presidente provincial Darío Campos espera contar cos apoios necesarios para levar os orzamentos de 2019 ao pleno de novembro | Óscar Bernárdez
O presidente provincial Darío Campos espera contar cos apoios necesarios para levar os orzamentos de 2019 ao pleno de novembro | Óscar Bernárdez

O goberno da Deputación inicia esta semana as conversas para facer realidade os Orzamentos de 2019, tarefa que por vez primeira na lexislatura afronta con aritmética desfavorable. Co prace da intervención, a proposta inicial quedará lista en días vindeiros para as pescudas de conservadores, nacionalistas e o deputado non adscrito. O executivo socialista terá que conceder na redacción para que eses 85 millóns de euros cheguen en condicións de ser aprobados ao pleno de novembro.

O borrador que o presidente provincial Darío Campos expuso no Parlamento de Galicia parte dun incremento de tres millóns de euros nos tributos estatais. Entre as principais partidas, 20 millóns para o plan único –pode ser máis, dependendo do remanente do exercicio actual–, 10 para nova obra en estradas, e outros 2 para a apertura e servizo das residencias da Fonsagrada, Castroverde, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo e Ribas de Sil.

Álvaro Santos, voceiro socialista, conversa co nacionalista Antonio Veiga (dereita) e as compañeiras de filas Pilar García Porto e Sonsoles López Izquierdo (esquerda) | Óscar Bernárdez
Álvaro Santos, voceiro socialista, conversa co nacionalista Antonio Veiga (dereita) e as compañeiras de filas Pilar García Porto e Sonsoles López Izquierdo (esquerda) | Óscar Bernárdez

Os orzamentos en vigor superan o oitenta por cento de execución, e a previsión é que rematen por enriba da media de cumprimento de 2016 e 2017. Esta circunstancia pode ser vital de cara aos comicios municipais de maio, do mesmo xeito que aprobar as contas a tempo é primordial para dar armas ás agrupacións locais. Obter os apoios necesarios, alomenos tres votos máis dos que dispón o grupo socialista, requerirá perspicacia para satisfacer as demandas do resto de actores.

Falta de visión dos populares

Ten o goberno todas as portas abertas. O Partido Popular estragou a oportunidade de illar aos socialistas durante a sesión plenaria de setembro, cando o Bloque Nacionalista Galego pedira incluír nos Orzamentos de 2019 partidas para afrontar os acordos do pleno pendentes de executar. Dende a bancada popular celebraban o enfrontamento cun “benvidos á oposición!”. O executivo estaba entre a espada e a parede.

Os populares Carlos Armesto e Elena Candia | Óscar Bernárdez
Os populares Carlos Armesto e Elena Candia | Óscar Bernárdez

Porén, os conservadores foron incapaces de manter un perfil baixo, espantando aos deputados do Bloque cunha acendida defensa do labor de Suplusa. A lea entre o nacionalista Xosé Ferreiro e o popular Carlos Armesto acabou por reconstruír a fronte de esquerdas, mantendo vivas as opcións dos de Darío Campos para negociar a tres bandas. Os socialistas teñen a iniciativa no relato, e poden acusar de obstruccionismo a quen se opoña a un espírito construtivo.

Neste escenario, o executivo ten marxe para cubrir os acordos pendentes que piden no sector nacionalista –estrada Navia á Fonsagrada, servizo público de catamaráns, axudas á conciliación, restauración da casona do Incio, o pavillón de Burela–, e facer algunha concesión capaz de atraer a Manuel Martínez. Tanto o deputado non adscrito coma os pertencentes ao Bloque terán que ofrecer o seu apoio para evitar que sexa o Partido Popular o que poida sacar rédito da situación.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here