InicioSociedadeEste luns comeza a peonalización da Milagrosa: así será a circulación

Este luns comeza a peonalización da Milagrosa: así será a circulación

O Concello presenta o plan de circulación durante a peonalización da Milagrosa, que modifica os accesos e os itinerarios do bus urbano

PUBLICADA O

- Advertisement -

O vindeiro luns, 5 de novembro, o Concello iniciará os traballos de peonalización da Praza da Milagrosa, procedendo ao corte do tráfico rodado pola mesma. En ningún momento se impedirá o acceso aos inmobles, entradas dos vados legalmente sinalizados nin locais comerciais. A continuación resúmese a circulación durante os traballos.

A entrada e saída dos garaxes realizarase a través da rúa Curros Enríquez. A parada de taxis trasladarase á confluencia da rúa Milagrosa e a rúa Mallorca. As rúas Mallorca, Milagrosa (tramo comprendido entre a praza e a rúa Xulia Minguillón) e Yáñez Rebolo non sufrirán cambios no seu ordenamento, quedando a circulación nos sentidos actuais.

A empresa encargada de executar as obras colocará cartelería nas rúas e cruces próximos á praza para advertir do corte aos condutores e condutoras. Tamén dispoñerá en todo momento dos operarios señalistas necesarios para garantir a seguridade da circulación e orientar a veciños e condutores dos cortes e desvíos.

Adaptaranse as frecuencias dos semáforos da Avenida da Coruña, Curros Enríquez e Valle Inclán á intensidade circulatoria de cada momento, para minimizar os efectos no tráfico rodado.

Autobuses urbanos

Sufrirán modificacións os itinerarios das liñas 1 (Campus Universitario-A Piringalla) e 5 (A Campiña- Abella), afectadas pola peonalización da Praza da Milagrosa. Esta modificación levará a efecto o luns día 5 de novembro, data prevista para o corte do tráfico rodado na praza polo inicio das obras.

A distancia percorrida en relación aos antigos itinerarios practicamente é invariable na liña 1, mais non así na liña 5 (A Campiña-Abella): ampliada arredor de 1.100 metros, en contrapartida pasará próxima e dará servizo á zona de Albeiros.

Esta modificación dos percorridos dispón a eliminación das paradas de rúa Mallorca e Praza da Milagrosa, procedendo á creación de dúas novas. Para a liña 5 sinalizarase unha en rúa Alfredo Vila, fronte á Praza Agro do Rolo; e para a liña 1 crearase unha parada nas inmediacións da Praza Viana do Castelo, fronte a rúa Otero Besteiro.

Ademais, as persoas usuarias poderán utilizar todas as paradas pertencentes a outras liñas xa existentes neste novo percorrido. En menor medida tamén sufrirá modificación de itinerario a liña 11E (Calde-A Piringalla-Albeiros) os sábados tarde, domingos e festivos, pasando a realizar o mesmo percorrido que a liña 5.

Resumo dos itinerarios

Novo itinerario liña 1 (Campus Universitario-A Piringalla): Avda. da Coruña – Manuel María – para continuar por Santo Graal.

Novo itinerario liña 5 (A Campiña Abella): Avda. da Coruña – Monte Faro – rúa do Franco – Illas Canarias – Avda. Coruña – Reverendo Xosé Fernández Núñez – Alfredo Vila – Eloi Maquieira – Curros Enríquez – para continuar por Valle Inclán

Acompáñase esbozo cos novos percorridos e a localización das paradas existentes e as de nova creación.

Novos intinerarios das liñas 1 e 5 | Concello e Lugo
Novos intinerarios das liñas 1 e 5 | Concello e Lugo

As obras

A intervención conta cun orzamento de 171.600 euros e un prazo de execución de 6 meses. A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre a rúa Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora, xa reformada para uso peonil.

Con tal fin cómpre a reurbanización total do espazo, dada a disparidade de pavimentos existentes e a distintos niveis, calzada e beirarrúa, con diversas pendentes, para acadar un senso de continuidade e permitir a correcta evacuación das augas. Así mesmo, darase solución aos distintos elementos de mobiliario da praza, coma o quiosco, xogos e bancos, cimprindo coas necesidades de funcionalidade dun espazo humanizado, zona de reunión, esparexemento e lecer.

A Praza da Milagrosa pavimentarase cun material urbano ecolóxico fabricado con elementos de reciclaxe, unha premisa enmarcada dentro do compromiso que ten o Goberno cun desenvolvemento respectuoso co medio ambiente. Manteranse os puntos de luz en fachada e as farolas existentes darán paso a un modelo de maior eficiencia, con iluminación LED.

Un dos obxectivos que o goberno local contempla con este proxecto é manter o arboredo actual e os espazos de descanso á sombra. Así, crearase unha zona de xardín no lado este, dotada de céspede e rego automático, conservando as árbores existentes e dispoñendo o mobiliario na súa contorna.

Asemade, colocaranse bancos de madeira e papeleiras. A zona de xogos retirarase da ubicación actual e esta zona pavimentarase a nivel co frente da igrexa, canalizando o tránsito peonil entre esta zona e a rúa Divina Pastora.

A zona de carga e descarga situarase no tramo da rúa Milagrosa, entre as interseccións con Doutor Yáñez Rebolo e rúa Mallorca, o que permite un acceso cómodo aos negocios; e a praza de aparcadoiro reservado a persoas con mobilidade reducida siturarase na rúa Doutor Yáñez Rebolo, próxima ao paso de peóns, o que garante un itinerario accesible ata a praza.

ÚLTIMAS

Desarticulan un grupo criminal que roubaba gando en toda a provincia de Lugo

A Garda Civil detivo ao catro integrantes dun grupo criminal especializado no roubo de...

Un coche queda encaixado contra un local en Lugo, o condutor dá positivo en alcoholemia

Un accidente na rúa Xulia Minguillón de Lugo saldouse na madrugada deste venres cunha...

Trasladada en ambulancia unha muller agredida en Lugo por outras catro na vía pública

Unha moza sufriu unha agresión na vía pública en Lugo, tras a cal foi...

Deteñen a unha muller acusada de arremeter contra axentes tras negarse a someterse a unha proba de alcolehemia

A muller detida en Lugo por negarse a someterse a unha proba de alcolemia...