Era a vez de Antonio Ameijide, voceiro do Partido Popular no pleno de Lugo. Dúas semanas despois de que o consistorio desistira da nova ordenanza de seguridade, a corporación volvía a debater un endurecemento das normas de convivencia, a proposta dos conservadores. Ameijide acusou á alcaldesa Lara Méndez de renunciar á medida pola presión dos nacionalistas. Pola rúa!, gritou alguén entre o público.
A sesión plenaria de outubro tivo un marcado cariz ideolóxico, cando non electoralista. O terreo estaba preparado, o debate condicionado polas informacións sobre os problemas da ocupación, o vandalismo, ou o tráfico de substancias, por citar algúns dos temas fetiche da prensa local. Temas de suma importancia, por suposto, mais de excesiva resonancia dentro da anódina actualidade de Lugo.
Canda o borrador da ordenanza cívica, na orde do día aparecía a proposición de instalar videovixilancia en puntos estratéxicos da cidade. No salón, cidadáns con pancartas, síntoma da trascendencia das votacións. Dende a bancada popular, Ameijide di que a cidade é segura, pero que a instalación de cámaras disuadiría de ocasionar desperfectos coma os da fonte de San Vicente, ou intentos de roubo nos sitios industriais.
En Ciudadanos, a formación con máis en común, certo escepticismo. “Non é a solución que máis nos gusta”, recoñeceu Olga Louzao, aínda que animaron a estudar as cuestións técnicas e xurídicas. “Coma nos museos, non se trata dunha intromisión, senón de evitar danos e dar sensación de seguridade”. Rosmaron nos asentos do outro lado ao escoitar iso de sensación de seguridade. Así e todo, Louzao aseverou que o prioritario era contar con máis efectivos na Policía Local, e propuxo unha campaña de sensibilización para o coidado do patrimonio.
“Lugo non é o Bronx”, espetou Rubén Arroxo. O voceiro do Bloque Nacionalista Galego expresou dúbidas acerca de quen tería que ocuparse de xestionar as cámaras de seguridade, así como a definición de puntos estratéxicos. “Queren cubrir toda a cidade, rodear toda a Muralla?”. Nun ton máis afable, Arroxo lembrou a postura do anterior voceiro do Partido Popular, que pedía retirar a grabación dos semáforos en vermello porque quería un Lugo sen cámaras. “Esperpéntico”.
En Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz falou da obsesión pola seguridade tralos atentados de 2001 no World Trade Center. “As cámaras non reforzan a sensación de seguridade, reforzan a percepción do invididuo coma sospeitoso”. Nun sentido discurso, Herráiz vaticinou “un fracaso coma especie, porque a desconfianza degrada a nosa percepción e o noso comportamento”. “Non ter nada que ocultar non quere dicir que non haia dereito á intimidade. Corresponsabilizar á cidadanía é máis complicado, pero máis eficaz”.
Tirando de chanza, o concelleiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas pediu que as cámaras as instalaran na sede dos populares. Carlos Portomeñe censurou a “alarma social” que segundo el se pretende instaurar, asegurando que “hai lexislación abondo” para os actos vandálicos. Así mesmo, convidou a revisar a legalidade do patrimonio e as instalacións que as cámaras protexerían.
“As dereitas converten a excepcionalidade en regra”, dixo o voceiro socialista, Miguel Fernández. Despois de citar a George Orwell, observou as complexidades do debate “entre orde e liberdade”, para deterse e insistir en que Lugo é unha cidade particularmente segura, “e así o demostran os datos”. “A solución está en que sociedade resposte en conxunto contra os atentados ao patrimonio, iso é máis poderoso que calquera cámara”.
A moción da videovixilancia estaba condenada ao fracaso tralo posicionamento do Partido Socialista, e aínda así, no Partido Popular sentou mal a abstención de Ciudadanos. A postura dos de Louzao, xustificada pola non aceptación a votación da segunda enmenda, recibiu a consideración de “routada” por parte de Ameijide , que criticou á voceira do partido laranxa por “incoherente”. A decisión de Ciudadanos de non apoiar a nova ordenanza de seguridade volvería a deixar en solitario aos populares. “Non compartimos as formas porque buscan o rédito electoral”.